As empresas TIC manteñen unha ampla porcentaxe de contratación fixa sen apenas variacións durante catro anos consecutivos. Concretamente, esta porcentaxe situouse no 84,5% en 2011. Así o indica o ‘Estudio sobre salarios y política laboral en el Hipersector TIC, 2011’ que AMETIC vén de publicar. Este estudo contou coa participación dun total de 62 empresas que aglutinan a 53.459 empregados.
Pese ao actual escenario económico e as expectativas marcadas para 2012, o 69,4% das empresas consultadas prevé manter o seu persoal durante este exercicio. O estudo de AMETIC ofrece como principal conclusión, a consolidación dun sector estable laboralmente que mantén unha ampla porcentaxe de contratación fixa sen apenas variacións durante catro anos consecutivos. Concretamente, esta porcentaxe situouse no 84,5% en 2011.
O estudo analiza con detalle as distintas franxas salariais en función do departamento e a categoría laboral desempeñada dentro deste. Así, os directores comerciais continuaron na franxa máis alta, cunha media de retribución bruta de 91.011 euros en 2011, seguidos do responsable de Mercadotecnia (83.583 euros). Por baixo destas categorías directivas, as mellores retribucións corresponderon ao director do Departamento Técnico (80.881 euros); do de Explotación (78.899 euros) e de Administración/Finanzas (78.543 euros). Pola contra, os executivos con menor retribución anual foron o director de Compras/Loxística (66.319 euros), e o director de Fabricación, cuxa remuneración media anual situouse en 52.716 euros.
Segundo AMETIC, as empresas TIC proporcionaron aos seus profesionais unha serie de vantaxes sociais entre as que destacan as revisións médicas (72,7%); comedor ou vales de comida (63,6%); seguros de vida (61,8%); horario flexible (58,2%); seguros médicos privados (54,5%); seguros de accidentes (47,3%); automóbil (43,6%); axuda escolar (23,6%); accións da compañía (12,7%) e plan de pensións (14,5%). O estudo indica, ademais, que o 37% das empresas ofreceu dietas aos seus empregados por un valor medio diario de 40,9 euros. Así mesmo, o 62,9% das empresas consultadas manifestou pór a disposición dos seus empregados un paquete de retribución flexible en 2011. Respecto das vacacións, a media foi de 23 días.
En canto ao tipo de xornada, perto da metade dos profesionais (45,3%) utilizou a fixa-partida, seguida da flexible (26,6%), e da fixa-continua (23,4%). A idade media do persoal situouse nos 37,4 anos, cunha participación de mulleres do 36,4% da masa laboral do sector, unha porcentaxe que mantén o mesmo comportamento desde hai anos. Pola súa banda, o convenio laboral maioritario ao que se adscribiron o profesionais TIC foi o de Consultoras (32,3%).
O 59,7% do persoal TIC tiña titulación universitaria en 2011, maioritariamente en Informática (27,3%) e Telecomunicación (21,7%). O resto de titulacións repártese entre Económicas (9,5%); Industriais (9,2%), Dereito (3,5%), Físicas (2,3%) e Exactas (1,7%).