O hipersector empresarial das TIC medrou un 2,4% en 2010

Logo osimga
Data
04/05/2011

A facturación do "hipersector" español do TIC ascendeu 88.211 millóns de euros en 2010, o que supuxo manter as cifras do exercicio anterior. Así o revela o avance dos datos do hipersector TIC, presentado por AMETIC o 28 de abril en Madrid, que reflicte unha situación que apatronal define como “estancamento”.
O hipersector TIC inclúe os servizos de telecomunicacións; as tecnoloxías da información; as industrias de telecomunicacións; a electrónica de consumo; a electrónica profesional; os compoñentes electrónicos; os contidos dixitais, e outros segmentos (conformados pola electrónica do automóbil, o mantemento e comercialización de equipos electrónicos e compoñentes, e as consolas de videoxogos).
Por sectores
Todos os sectores medraron o ano pasado, agás o de Servizos de Telecomunicacións, que representa un 47% do total do hipersector e que facturou 41.447 millóns de euros, un 3% menos que en 2009, e o de Electrónica Profesional, que caeu un 5% debido ao recorte do investimento privado. A Industria das Telecomunicacións mantívose sen cambios.
A Electrónica de Consumo aumentou os seus ingresos un 1%, situándose nos 3.938 millóns de euros debido, principalmente, ao excelente ano para as vendas de receptores TVC (6 millóns) con motivo do apagamento analóxico e da Copa Mundial de Fútbol.
A cifra de negocio do segmento de tecnoloxías da información mellorou un 3%, até os 16.607 millóns de euros, a de electrónica de consumo mellorou un 1%, até os 3.938 millóns de euros, a de compoñentes electrónicos medrou un 3%, até os 2.408 millóns de euros, e a de contidos dixitais, mellorou un 4%, até os 9.630 millóns de euros, grazas ao bo comportamento do sector audiovisual, así como da publicidade en Internet, os contidos para a educación e os contidos para ebook. O volume de facturación correspondente a Tecnoloxías da Información situouse en 16.607 millóns de euros, un 3% máis respecto de 2009.
A suma das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (20.703 millóns) representa o 23% da torta, cos servizos TI acaparando a principal porción (40,1%), seguida do hardware (24,8%), equipamentos de telecomunicación (15,8%), software (14,4%) e integración de sistemas e servizos asociados (4,9%).
Os Compoñentes Electrónicos incrementaron a súa facturación un 3% até os 2.408 millóns de euros. Fíxoo posible a maior demanda de semicondutores grazas a que a fabricación de automóbiles que medrou lixeiramente nos mercados exteriores.
Emprego, I+D e exportacións
En canto ao emprego, a patronal española das TIC sinala que o ano pasado o sector empregaba directamente a 331.000 persoas, o que supón un descenso do 3% respecto de 2009.
 
O gasto en I+D e en innovación das empresas do sector en 2010 recortouse un 2% e un 3%, até os 2.384 millóns e os 9.289 millóns de euros, respectivamente.
Respecto das exportacións do sector, AMETIC destaca que, aínda que melloraron un 6% en 2010, até os 5.605 millóns de euros, España segue sendo "un dos países máis deficitarios do mundo", no que inflúe o montante das importacións, que supuxeron 20.950 millóns de euros o ano pasado, un 1% máis que en 2009.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades