O novo regulamento sobre Infraestruturas Comúns de Telecomunicacións favorecerá a introdución nos edificios de nova construción da banda larga ultrarrápida

Logo osimga
Data
07/04/2011

O novo regulamento inclúe como infraestrutura adicional nos edificios a fibra óptica e o cable coaxial, para facilitaren que os usuarios poidan contratar os servizos de telefonía, banda larga e televisión, e favorece a introdución das funcionalidades do Fogar Dixital nas vivendas.
O goberno de España afirma que as melloras nas funcionalidades das ITC reactivarán a actividade económica e o emprego ao impulsar os investimentos das operadoras en novas redes e servizos e ofrecer máis oportunidades ás empresas fabricantes e instaladoras de equipamento para as ITC.
As ICT supoñen a construción e instalación nos edificios de recintos destinados a abeirar os equipamentos de telecomunicacións, canalizacións e demais elementos necesarios para os cables interiores, cable das diferentes redes (par de cobre, cable coaxial e fibra óptica), antenas e cable para a recepción do servizo de radio e televisión. Pola súa banda, as operadoras despregan as súas redes até a entrada do edificio, e desde aí chegan até os recintos destinados ao equipamento onde se produce a interconexión coas redes ICT.
Principais novidades
O regulamento aprobado por real decreto actualiza o anterior (Real Decreto 401/2003) para incluír a fibra óptica e o cable coaxial (ademais do tradicional par de cobre) entre as redes de acceso aos edificios, en liña cos obxectivos da Axenda Dixital Europea. Ademais, actualiza a normativa técnica sobre radio e televisión para adecuala ao escenario da TDT. Este novo regulamento afecta a todo tipo de vivendas tanto libres como de protección oficial.
Ademais, o novo regulamento introduce os elementos necesarios para que as ICT poidan ser deseñadas de tal xeito que sexa sinxela a súa evolución e adaptación ao concepto de Fogar Dixital e á obtención dos beneficios que este proporciona aos seus usuarios: maior seguridade, aforro e eficiencia enerxética, accesibilidade, etc. A adaptación aos estándares de Fogar Dixital é voluntaria por parte do promotor.
Neste sentido, o regulamento inclúe a forma de clasificar as vivendas, de acordo coas funcionalidades e dispositivos do Fogar Dixital que poidan incorporar. Deste xeito, ofrécese un marco de referencia, baseado en parámetros totalmente obxectivos, que permitirá aos promotores e ás administracións públicas avaliar as edificacións, mentres que os compradores finais de vivendas contarán cunha información contrastable nesta materia.
As infraestruturas comúns de telecomunicacións nacen no marco do "proceso de liberalización" do sector. Así, o Regulamento de ICT aprobado e publicado facilita o dereito dos cidadáns a acceder a calquera operadora de telecomunicacións que preste servizo na zona e asegura a competencia efectiva entre operadoras ao proporcionar igualdade de oportunidades para ofrecer os seus servizos até os clientes.
Impacto económico
Para atender a demanda de novas aplicacións e servizos (televisión de Alta Definición, Internet ultrarrápido, video-chamadas de Alta Definición, televisión en 3D, Tele-traballo, Tele-asistenza, etc), os operadores de telecomunicacións están a iniciar o despregamento de novas infraestruturas de acceso rápido e ultrarrápido a Internet e fomentando o despregamento das redes NGA (Next Generation Acces), capaces de proporcionar velocidades superiores aos 100 Mbits por segundo, moi por riba das proporcionadas polas redes actuais.
Segundo o Goberno español o despregamento destas infraestruturas resulta esencial para o desenvolvemento social e económico e e vai contribuír de forma destacada á xeración de actividade económica e de emprego. Neste sentido, as operadoras de redes fixas e de comunicacións móbiles están a deseñar os seus plans de futuro con importantes investimentos nas infraestruturas de acceso ultrarrápidas. En conxunto, estas operadoras anunciaron investimentos que só neste tipo de redes superan os 2.500 millóns de euros anuais. Ademais, as novas infraestruturas, afirma o Goberno, impulsan ás operadoras a ofrecer novos produtos e servizos de comunicacións aos cidadáns, baseados no maior largo de banda.
Adicionalmente, a actualización dos edificios antigos para dotarlles da nova ICT, instalando fibra óptica até o fogar, incidirá de forma positiva no emprego, xa que as empresas instaladoras deberían contratar novo persoal especialista en tecnoloxías ópticas, mentres as operadoras terán que incorporar persoal para o despregamento das súas redes até os edificios. En total estímase que estas actividades xerarán uns 20.000 novos empregos.
Axenda Dixital Europea
A Comisión Europea, a través do plan “Unha Axenda Dixital para Europa”, impulsa o despregamento das redes NGA e destaca a escasa penetración da fibra óptica até o fogar na Unión Europea en comparación con algunhas nacións do G20. Entre as medidas a tomar no seo da UE para paliar este défice identifícase a de “pór ao día o cable dentro dos edificios”.
Na tramitación do Real Decreto Regulador das TIC para o acceso aos servizos de telecomunicacións no interior das edificacións participaron todos os axentes do sector involucrados e informouse á Asociación de Promotores e Construtores de España (APCE).

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades