Segundo a Comisión, un de cada tres nenos conéctase á rede desde teléfonos móbiles e un de cada catro mediante as súas consolas de xogos. Bruxelas destaca tamén o feito de que a metade dos adolescentes de 13 a 16 anos acceden a Internet desde os seus dormitorios, o que dificulta o “control paterno”.
O 59 % dos nenos e adolescentes de entre 9 e 16 anos teñen algún perfil nunha rede social e o 26 % ten perfís completamente 'públicos'. O 14 %, doutra banda, pon a súa dirección e número de teléfono nos seus perfís.
En España, segundo datos facilitados pola propia Comisión Europea, o 56 % dos menores teñen unha conta nalgunha rede social, o 13 % ten un perfil público, o 10 % facilita a súa dirección e teléfono.
Preocupación e incidencia dos problemas de seguridade das persoas usuarias de Internet en Galicia
Se contrastamos o grao de preocupación dos internautas de Galicia fronte a determinados problemas de seguridade en Internet e a experimentación dos mesmos durante o último ano (INE, 2010), podemos afirmar que a maioría está preocupada e incluso moi preocupada pola existencia desta problemática e que apenas unha minoría declara ter sufrido as ameazas e abusos máis graves. Os virus e as mensaxes non desexadas son os problemas máis habituais para os usuarios galegos de Internet.
Virus
O 30% dos internautas galegos declara estar moi preocupado e un 38.9% relativamente preocupado pola posíbel perda de información ou de tempo que lle poida ocasionar o eventual contaxio dun virus ou outra infeción informática. O 29,1% dos internautas galegos afirma ter experimentado este problema nos últimos doce meses.
Mensaxes non desexadas
O 49% declara que neste período recibiu mensaxes de correo electrónico non solicitadas (spam). Esta eventualidade preocupa moito ao 19,8% e relativamente ao 38,2%.
Un 6% das persoas que usaron Internet en Galicia nos últimos doce meses viuse afectado por abusos sobre a información persoal enviada por Internet ou outras violacións da súa intimidade neste medio. Esta posibilidade preocupa de algunha maneira a máis da metade dos internautas.
Fraudes económicas
Un 2,3% dos internautas galegos declara que sufriu perdas económicas debidas a mensaxes fraudulentas recibidas (phishing) ou foi redirixido a páxinas falsas de internet que solicitan información persoal (pharming). Isto preocupa moito ao 21.5% e relativamente ao 26%.
Un 1% afirma que sufriu perdas económicas debido ao uso fraudulento das súas tarxetas de crédito. Ista posibilidade é algo que preocupa moito ao 28% e relativamente ao 22,9% dos internautas de Galicia.
Problemas dos menores
O 41.1% dos internautas galegos (de 16 a 74 anos), afirma estar moi preocupado e outro 14% relativamente preocupado polo acceso dos nenos a “páxinas web inapropiadas” ou ao contacto con persoas potencialmente perigosas desde un ordenador do seu fogar. Non obstante, apenas o 0,6% declara ter experimentado algún destes problemas.
Software de seguridade utilizado
Antivirus (87,8%) e devasas -firewall- (43,6%) son as aplicacións de seguridade máis utilizadas polos internautas de Galicia. O 38,2% das persoas que usaron Internet en Galicia nos últimos doce meses afirman ter utilizado un filtro do correo electrónico para prevenir o spam e un 8,7% algún software de filtrado de contidos web ou de control parental.