O OSIMGA comeza a recollida de datos das enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia

Logo osimga
Data
11/04/2012
  • O OSIMGA emprende por vez primeira unha análise específica sobre o equipamento e uso das TIC no colectivo dos autónomos de Galicia.
  • Esta enquisa analizará a evolución do equipamento e uso das TIC seguintes ámbitos de observación: Poboación, empresas de Galicia con 10 e máis empregados/as, empresas galegas de menos de 10 empregados/as e empresas TIC de Galicia.
  • O traballo de campo contará coa realización de 3640 enquisas, 440 enquisas máis que na edición anterior, constituíndo o estudo más amplo realizado ata hoxe sobre a Sociedade da Información en Galicia.

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vén de poñer en marcha o traballo de campo das enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia relativas á evolución do equipamento e uso das TIC nos seguintes ámbitos de observación: Poboación, empresas de Galicia con 10 e máis empregados/as, empresas galegas de menos de 10 empregados/as e empresas TIC de Galicia.
O traballo de campo contará nesta ocasión coa realización de 3640 enquisas. Isto  supón unha importante ampliación do tamaño mostral nos distintos ámbitos de estudo: 440 enquisas máis que na edición anterior, constituíndo o estudo más amplo realizado ata hoxe sobre a Sociedade da Información en Galicia.
As enquisas inclúen módulos cos indicadores sobre banda larga e software libre no ámbito empresarial que contribúen a realizar a avaliación das actuacións da Axenda Dixital 2014.gal. Desta volta, o Observatorio emprende tamén a primeira análise específica sobre o equipamento e uso das TIC nos autónomos de Galicia.
Estas enquisas ofrecen información estratéxica, indispensable para comprender as causas da fenda dixital en Galicia e para realizar un seguimento exhaustivo sobre a evolución da penetración das TIC nos colectivos en risco de exclusión da Sociedade da Información. En particular, as enquisas do OSIMGA proporcionan, en relación a outras enquisas destes ámbitos, información adicional referida á: conectividade a Internet a través de banda larga, penetración das TIC no hábitat rural con desagregación dos datos en concellos de menos de 5.000 habitantes, indicadores relativos ás empresas de menos de 10 empregados/as, comercio electrónico nas empresas de Galicia e a análise polo miúdo do sector empresarial das TIC.
O OSIMGA explotará os datos resultantes para a actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia e a realización dun estudo diagnóstico específico para cada un dos distintos ámbitos de observación.
A coordinación desta enquisa corresponde ao OSIMGA, no marco das tarefas de xestión encomendadas pola AMTEGA á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Esta actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.
A Sociedade da Información na Poboación de Galicia.
Este estudo permite analizar o equipamento e utilización das TIC por parte da cidadanía, avaliando a evolución da penetración das novas tecnoloxías na sociedade galega e a súa situación con respecto ao seu contorno.
A enquisa proporcionará información sobre o equipamento dos fogares galegos (dispoñibilidade de ordenador, de conexión a Internet e outros equipamentos electrónicos), usos tecnolóxicos por parte da poboación galega (utilización do ordenador e Internet, compras a través de Internet,...), a realización de actividades formativas relacionadas cos servizos da Sociedade da Información, a propia percepción que a cidadanía ten do seu grao de capacitación para o manexo das TIC, etc.
As 1.700 entrevistas a realizar neste ámbito, aportarán datos desagregados por: intervalos de idade, sexo, hábitat, número de membros do fogar, convivencia no fogar con nenos/as eestudantes, ingresos do fogar, nivel de estudos e situación socio-laboral, obtendo unha perspectiva comparativa dos diferentes contornos socioeconómicos que coexisten en Galicia.
As enquisas do OSIMGA no ámbito da poboación contan nesta ocasión coa colaboración e asesoramento do Instituto Galego de Estatística (IGE).
A Sociedade da Información nas empresas de Galicia:  empresas de 10 e mais empregados/as e microempresas.
Esta enquisa obterá información estratéxica sobre o nivel de equipamento e utilización das TIC por parte do tecido empresarial galego, con especial atención a microempresas e autónomos. O traballo inclúe a realización de 600 enquisas entre as empresas de 10 e máis empregados/as de Galicia e 900 enquisas a microempresas.
Esta enquisa analizará o equipamento tecnolóxico e os servizos relacionados coa Sociedade da Información, intercambio automatizado de datos, os usos empresariais en materia de comercio electrónico, a interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, os sistemas TIC para compartir información electronicamente con provedores e clientes, uso do software libre, actividades formativas relacionadas coas TIC, a contratación de persoal especialista en TIC e o nivel de investimento neste eido.
O carácter estratéxico deste estudo reside na posibilidade de avaliar a fenda dixital existente nas microempresas, a fin de impulsar actuacións específicas neste segmento que representa o 95% do tecido empresarial galego. O estudo avaliará polo miúdo as carencias de equipamento TIC e as dificultades que presentan as microempresas galegas para incorporarse á Sociedade da Información.
As enquisas permitirán a observación diferenciada por número de empregados/as, condición xurídica, provincias e grupos de CNAE 2009, incluíndo un módulo específico sobre a situación do software libre nas “Empresas de 10 a 249 empregados/as“.
A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia.
Xa consolidada, como principal estudo de referencia sobre o sector empresarial das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións en Galicia, esta enquisa proporcionará información sobre a demografía empresarial e o emprego nas empresas do sector TIC así como indicadores relativos á innovación, intercambio automatizado de información e comercio electrónico.
As 440 unidades da mostra son empresas TIC con establecementos en Galicia. O deseño da enquisa permitirá unha observación diferenciada por número de empregados/as, provincias e grupos de CNAE 2009.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades