O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de poñer en marcha o traballo de campo para realizar unha nova edición da “Enquisa ás Empresas TIC de Galicia”, correspondente ao ano 2013.
Por primeira vez, esta enquisa está incluída na Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan Galego de Estatística 2012-2016, o instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia. Isto responde aos criterios de máxima rigorosidade, e eficiencia na estrutura organizativa da actividade estatística de Galicia.
Xa consolidada, como principal estudo de referencia sobre o sector empresarial das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións en Galicia, esta enquisa proporcionará información sobre a demografía empresarial e o emprego nas empresas do sector TIC así como indicadores relativos á innovación tecnolóxica, intercambio automatizado de información e comercio electrónico.
O traballo de campo contará coa realización de 440 enquisas, empresas TIC con establecementos en Galicia e permitirá unha observación diferenciada por número de empregados/as, provincias e grupos de CNAE 2009, constituíndo o estudo más amplo sobre o tecido produtivo relacionado coas novas tecnoloxías dixitais en Galicia. As enquisas tamén inclúen módulos cos indicadores sobre banda larga e software libre no ámbito empresarial que contribúen a realizar a avaliación das actuacións da Axenda Dixital 2014.gal.
O OSIMGA explotará os datos resultantes para a actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, tamén incluído no Plan Galego de Estatística 2012-2016 da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os resultados obtidos da edición correspondente ao ano 2012 están accesibles na web do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA):
/
Este diagnóstico serve tamén para contribuír a avaliar e servir de elemento para a definición de actuacións, cursos e talleres no Centro Demostrador TIC de Galicia, un proxecto da Amtega que constitúe un escaparate tecnolóxico do uso das TIC para contribuír á mellora da produtividade e competitividade nos sectores produtivos galegos, a través principalmente da asesoría, capacitación e formación tecnolóxica.
http://cdtic.xunta.es/