Entre as melloras de accesibilidade cabe salientar a implementación do sistema de voz na web que permite suprimir algunhas barreiras mediante a lectura automatizada, achegando a información e os servizos do OSIMGA ás persoas, cuxa discapacidade (visual, psíquica...) ou mesmo a súa preparación non lles permite a lectura e comprensión de textos longos.
A nova web do OSIMGA incorpora un completo redeseño, cunha estrutura máis funcional que aporta maior visibilidade aos contidos e as ferramentas dispoñibles. Entre as novidades neste capítulo cabe salientar a presenza dunha nube de 'tags' baixo o epígrafe de 'OSIMGA en palabras', novos e atractivos destaques para as estatísticas e os documentos propios do Observatorio, unha nova axenda e a versión mellorada do boletín electrónico que semanalmente reciben máis de 1700 subscritores en liña.
En canto á xestión dos contidos, hai que salientar a implementación no CMS do Observatorio do sistema Vixía, desenvolvido pola Unidade Vixilancia e Transferencia Tecnolóxica do CIS Galicia, unha ferramenta que vai servir de apoio á redacción web do OSIMGA para a selección de 'Titulares na Rede'.
A web, realizada en código aberto, é a principal ferramenta de difusión pública das actividades realizadas polo OSIMGA como dispositivo de xestión, información e vixilancia especializada e unha referencia experta no seu ámbito. Esta web é unha canle aberta de comunicación e difusión dos datos, informacións, estudos e outros materiais elaborados polo Observatorio.
A través da súa web, que xa recibiu no que levamos de ano máis de 20.000 visitas, o Observatorio subministra unha selección de noticias de actualidade, eventos, enlaces con outras fontes de información, observatorios ou entidades relacionadas coa modernización da Administración autonómica galega e a Sociedade da Información en Galicia. Ademais, o fondo histórico do OSIMGA presenta unha panorámica, ordenada de xeito cronóloxico e temático, da evolución da Sociedade da Información e a Administración electrónica en Galicia.
Con estas melloras e a recente integración de novas canles 2.0 a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dá un novo paso no camiño cara un modelo de administración aberta (Open Government), unha Administración na que priman as relacións cos cidadáns e o contacto directo con eles, facéndose máis transparente, participativa e colaborativa.
A xestión desta web corresponde ao OSIMGA, no marco das tarefas de xestión encomendadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.
Creado e regulado polo Decreto 21/2010 do 4 de febreiro (DOG, 26/02/2010), un dos principais obxectivos do OSIMGA é xestionar e ofrecer periodicamente e, como mínimo, a través dunha web específica, información sobre o nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia, eventos formativos, noticias de actualidade, ou enlaces con outras fontes de información, observatorios ou entidades.
Esta actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.