O OSIMGA pon en marcha o traballo de campo das enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia

Logo osimga
Data
08/03/2011
  • As enquisas inclúen indicadores específicos sobre o uso do software libre e despregamento da banda larga.
  • O OSIMGA explotará os datos resultantes para a actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia e a realización dun estudo diagnóstico específico para cada un dos distintos ámbitos de observación.
  • O traballo de campo desta observación conta con máis de 3200 enquisas.

Para esta nova edición das enquisas, o Observatorio realizou a integración dos indicadores sobre o software libre nun módulo complementario ás enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia no ámbito empresarial. Estas enquisas inclúen tamén indicadores de banda larga, que contribúen a realizar a avaliación do Plan Director de Banda Larga.
O traballo de campo contará coa realización de máis de 3200 enquisas, o que supón unha importante ampliación do tamaño mostral nos distintos ámbitos de estudo, en relación a edicións anteriores.
Cómpre sinalar que os indicadores analizados nas enquisas postas en marcha polo OSIMGA permitirán establecer unha comparativa cos estudos dos principais organismos estatísticos estatais e europeos, ofrecendo información sobre o grao de avance e converxencia de Galicia co seu contorno no ámbito das novas tecnoloxías.
Estas enquisas ofrecen información estratéxica, indispensábel para comprender as causas da fenda dixital en Galicia e para realizar un seguimento exhaustivo sobre a evolución da penetración das TIC nos colectivos en risco de exclusión da Sociedade da Información. En particular, as enquisas do OSIMGA proporcionan información adicional no referido á: conectividade a Internet a través de banda larga, penetración das TIC no hábitat rural con desagregación dos datos en hábitats de menos de 5.000 habitantes, indicadores relativos ás empresas de menos de 10 empregados/as, comercio electrónico nas empresas de Galicia e análise polo miúdo do sector empresarial das TIC.
Esta observación permitirá obter información detallada sobre o estado da sociedade da información en Galicia, datos que se explotarán para a actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia e a realización dun estudo diagnóstico específico para cada un dos distintos ámbitos de observación.
A coordinación desta enquisa corresponde ao OSIMGA, no marco das tarefas de xestión encomendadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Esta actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.
A Sociedade da Información na Poboación de Galicia. Ano 2010
O OSIMGA emprende unha nova edición deste estudo que permitirá establecer unha serie temporal nos indicadores relativos ao equipamento e utilización das TIC por parte da cidadanía, avaliando a evolución da penetración das novas tecnoloxías na sociedade galega e a situación con respecto ao seu contorno. 
Este estudo proporcionará información sobre o equipamento dos fogares galegos (dispoñibilidade de ordenador, de conexión a Internet e outros equipamentos electrónicos), usos tecnolóxicos por parte da poboación galega (utilización do ordenador e Internet, compras a través de Internet,...), a realización de actividades formativas relacionadas cos servizos da Sociedade da Información, a propia percepción que a cidadanía ten do seu grao de capacitación para o manexo das TIC, etc.
As 1.500 enquisas que se realizarán neste ámbito, aportarán datos desagregados por: intervalos de idade, sexo, hábitat, número de membros do fogar, convivencia no fogar con nenos/as e estudantes, ingresos do fogar, nivel de estudos e situación socio-laboral, obtendo unha perspectiva comparativa dos diferentes contornos socioeconómicos que coexisten en Galicia.
A Sociedade da Información nas empresas de Galicia de 10 e mais empregados/as. Ano 2010
Esta enquisa pretende obter información estratéxica sobre a situación actual de Galicia no escenario da Sociedade da Información, desde a perspectiva do equipamento e utilización das TIC por parte do tecido empresarial galego. Esta ampla actividade prospectiva, que inclúe a realización de 500 enquisas entre as empresas de 10 e máis empregados/as de Galicia, permitirá obter unha diagnose sobre o seu equipamento TIC, os servizos empregados polas empresas a través Internet, o uso do comercio electrónico e a dispoñibilidade de persoal con formación en TIC.
A enquisa analizará o equipamento tecnolóxico e os servizos relacionados coa Sociedade da Información, intercambio automatizado de datos, os usos empresariais en materia de comercio electrónico, os sistemas TIC para compartir información electronicamente con provedores e clientes, uso do software libre, actividades formativas relacionadas coas TIC, a contratación de persoal especialista en TIC e o nivel de investimento neste eido.
As enquisas a realizar neste segmento empresarial atenderán a un deseño mostral que permita a observación diferenciada por número de empregados/as, provincias e grupos de CNAE 2009. Ademais, as enquisas que se leven a cabo no estrato “Empresas de 10 a 249 empregados/as“ incluirán un módulo sobre a situación do software libre nestas entidades.
A Sociedade da Información nas empresas de Galicia de menos de 10 empregados/as. Ano 2010
Este estudo analizará a implantación e o uso das TIC e do comercio electrónico no segmento das pequenas empresas de Galicia, con especial atención aos autónomos. O carácter estratéxico deste estudo reside na posibilidade de avaliar a fenda dixital existente entre as microempresas e as empresas de 10 e máis traballadores/as coa finalidade de impulsar actuacións específicas neste segmento que representa o 95% do tecido empresarial galego.
As principais variables estudadas refírense á dispoñibilidade de infraestrutura informática e de telecomunicacións e á utilización de servizos de información e comunicación e comercio electrónico por parte das microempresas galegas. Este estudo avaliará de forma detallada as carencias de equipamento TIC e as dificultades que presentan as microempresas galegas para incorporarse á Sociedade da Información.
As 825 enquisas a realizar neste segmento empresarial atenderán a un deseño mostral que permita a observación diferenciada por condición xurídica da empresa, número de empregados/as, provincias e grupos de CNAE 2009.
A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia. Ano 2010
O OSIMGA aborda unha nova edición desta enquisa, que se consolida como unha fonte de información de referencia sobre o sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Este estudo de caracterización do sector empresarial das TIC proporciona información sobre o número de empresas, cifras de negocio e persoal empregado no sector asociado á Sociedade da Información.
Ademais, analizarase o equipamento e servizos especializados das empresas TIC en materia tecnolóxica, o seu grao de innovación, o uso do comercio electrónico, actividades formativas relacionadas coas tecnoloxías ou servizos da Sociedade de Información, así como a percepción estratéxica do sector e as prospectivas de mercado.
As unidades obxecto de investigación son todas as empresas con establecementos en Galicia, cuxa actividade principal corresponda aos epígrafes CNAE 2009 definidos para o Sector TIC. As 450 enquisas que se realizarán neste ámbito permitirán unha observación diferenciada por número de empregados/as, provincias e grupos de CNAE 2009.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades