O Osimga publica unha edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia.

O Osimga publica unha edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia.
Data
20/12/2013

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), presenta unha edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, incluído no IV Plan Galego de Estatística 2012- 2016 da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este conxunto de indicadores estatísticos permite monitorizar, dun xeito sintético, rigoroso e transparente, a evolución da Sociedade da Información en Galicia, ofrecendo unha visión de conxunto da situación e do seu grao de avance.
O “Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia” figura como unha actividade estatística na Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan Galego de Estatística para o período 2012-2016 (DOG, 24 de novembro de 2011), o instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.
Un modelo de observación para medir a implantación das TIC en Galicia
Este dossier está composto por 29 indicadores, que permiten monitorizar a evolución da penetración e uso das tecnoloxías nos seguintes ámbitos: poboación, empresas, sector TIC e a administración electrónica. Ofrécense os datos máis actuais a nivel autonómico e a evolución histórica destes indicadores nos últimos anos, achegando información sobre o seu ritmo de crecemento.
Conforme se establece no deseño deste Sistema de Indicadores, para actualizar os valores dos indicadores empregáronse como fontes de información: as enquisas propias realizadas polo OSIMGA, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).
No ano 2013, o OSIMGA realizou unha reestruturación do modelo de indicadores con respecto ás edicións anteriores, motivada polo Convenio de Colaboración asinado entre a Amtega e o IGE para a optimización das operacións estatísticas nos fogares e nas empresas así como pola revisión dos indicadores relativos á Administración electrónica.
Colaboración co IGE e aval dunha metoloxía rigorosa e fiabilidade das fontes de información
Nos últimos anos, o OSIMGA reforzou a súa liña de colaboración co IGE e conta actualmente con cinco actividades estatísticas, incluídas no IV Plan Galego de Estatística 2012 – 2016 e nos seus correspondentes programas estatísticos anuais. Así, ademais do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información que hoxe se publica, no Plan Galego de Estatística figuran os seguintes proxectos do OSIMGA: Empresas TIC de Galicia, Estatística sobre a Administración electrónica na Xunta de Galicia, Estatística da Administración electrónica nos concellos galegos e o propio Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia.
Isto se traduce nun aval para os traballos do OSIMGA, que garante unha metodoloxía rigorosa de captación e tratamento dos datos, a exactitude e fiabilidade da información a divulgar e a precisión e coñecemento dos indicadores relativos á Sociedade da Información en Galicia.
O Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia distribúese libremente na Rede baixo licenza Creative commons e está dispoñible na web do Observatorio:  www.osimga.gal
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades