O Plan de Banda Larga 2010-2013 reduciu en máis da metade a poboación sen cobertura en Galicia

Logo osimga
Data
04/01/2012

A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa máis de 393.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009.

Segundo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un  5,5%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é, segundo a Xunta, a chave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades