O sector das TI incrementou os seus ingresos un 3,6% en 2010

Logo osimga
Data
14/07/2011

D'acordo cos datos de Ametic, este crecemento foi superior ao da Unión Europea (2,7%) e a actividade do sector achegou un 1,56 por cento ao PIB, mellorando en tres puntos básicos o valor de 2009. Para Ametic este escenario "favorable" debeuse á combinación dos bos resultados asociados á venda de equipos no mercado interior, que permitiu unha mellora do 3%, e ás exportacións que, en liña cos últimos cinco anos, melloraron un 11,2%. No entanto, o crecemento das importacións en consonancia coa evolución do mercado de produtos, deu lugar a un pico do déficit da balanza comercial, que ascendeu a 3.768,30 millóns de euros, un 5,7% superior ao rexistrado no exercicio precedente.
Baixa o emprego
informe afirma que o emprego diminuíu un 0,7% debido á redución do mercado de servizos de desenvolvemento. As empresas provedoras de produtos e servizos de tecnoloxías da información reduciron en 1.403 persoas o número de persoas empregadas en 2010, até as 194.588 persoas empregadas, o que representa un recorte do 0,7%.
A venda de equipos mellorou un 7,2%, até os 3.503 millóns de euros, por mor da renovación do parque de equipos do sector empresarial e aos crecementos rexistrados na comercialización de tablets e de miniportátiles.
Os ingresos no mercado do 'software' medraron un 0,8%, até os 1.824 millóns de euros, mentres que os servizos TI reduciron a súa cifra de negocio un 0,2%, a pesar de que a xestión de contidos a través de Internet medrou por riba do 20%.
Mercado interior neto de TI
Por comunidades, todas as áreas rexistraron avances nos seus respectivos mercados de TI, obtendo unha media do 1,9%. Galicia sitúa o seu crecemento relativo por riba da media estatal cunha mellora do 2,9%. Cataluña, cunha mellora do 2,6%, mentres que Madrid medrou un 1,3%. Navarra (4,8%) e Andalucía (4,4%) experimentaron os maiores adiantos. Mentres que Canarias (0,4%) e A Rioxa (0,7%) foron os mercados que menos medraron.
O sector financeiro segue a ser a principal fonte de ingresos do sector, achegando máis do 30% do total, seguido polas Administracións Públicas, que aportaron un 23% das compras de TIC, mentres que os sectores de comercio e industria achegaron un 22% e o 25% restante procedeu doutros sectores clientes.
O investimento en materia de investigación e desenvolvemento viu reducido o seu valor por primeira vez desde o ano 1994. Estas compañías dedicaron o 4,2% da súa facturación, o que supón unha cifra total de 762 millóns de euros.
Nota metodolóxica
O estudo 'Las Tecnologías de la Información en España' analiza exclusivamente os produtos e servizos asociados ao subsector que desenvolve a súa actividade económica no devandito ámbito específico (TI), consecuencia da evolución das tradicionalmente chamadas empresas de informática, e conformado polas seguintes familias de actividades e/ou produtos e servizos:

  • Hardware: fabricación e venda de equipos informáticos que a partir desta edición inclúe tamén os equipos ofimáticos e os consumibles.
  • Software: desenvolvemento e comercialización de aplicacións estándar.
  • Servizos TI: consultaría, desenvolvemento de aplicacións a medida, soporte e outsourcing,  xunto cos denominados servizos telemáticos.
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades