Os estudos publicados por AMETIC, FTI e ONTSI neste mes de febreiro de 2013 concordan coa necesidade de potenciar o sector dos contidos e os servizos dixitais como novo modelo de negocio para o fomento da xeración de emprego.
A economía dixital facilita a creación de novas industrias e a transformación das actividades tradicionais, coa finalidade de incrementar a produtividade e a competitividade en sectores como o audiovisual, o editorial e a prensa. Estímase que o volume de negocio dos sectores agrupados por AMETIC acadou os 18.471 millóns de euros no ano 2011, o que supón o 1,74% do PIB do conxunto do Estado.
AMETIC e a Fundación Tecnoloxías da Información (FTI) consideran que os contidos dixitais poden xerar máis de 300.000 novos postos de traballo no horizonte do ano 2017. En termos de emprego directo, estiman que actualmente existen 200.000 recursos profesionais demandados polas industrias no sector dos contidos dixitais, dos cales 98.000 atópanse na área de produción e 102.000 na área de negocio.
Nesta mesma liña, presentouse un novo informe do ONTSI sobre a oferta e a demanda de profesionais en contidos dixitais, que incide na estrutura ocupacional do sector e na formación profesinal para o emprego. Na análise da oferta de titulacións e de graos no ensino público relacionados con contidos dixitais identificanse un total de 1.450 prazas ofertadas en Galicia, superada unicamente pola Comunidade de Madrid (con 3.405 prazas) e Cataluña (con 1.740 prazas). Este feito pode repercutir dun xeito positivo na incorporación da mocidade a este mercado laboral emerxente, constituído por sectores relacionados coas publicacións dixitais, os videoxogos, o cine, o audiovisual, a música e a publicidade entre outras actividades profesionais.
Poden consultarse os estudos indicados nas seguintes ligazóns:
AMETIC: Estudo da Economía Dixital: Os contidos e servizos dixitais
ONTSI: Oferta e demanda de profesionais nos Contidos Dixitais.