O Sector TIC sufriu en 2009 un importante descenso no conxunto do Estado

Logo osimga
Data
29/06/2011

Hai que advertir que os ‘Indicadores do Sector TIC’, publicados polo INE non ofrecen ningunha desagregación para Comunidades Autónomas. Non obstante, o OSIMGA ofrece nesta análise unha comparativa dos principais indicadores de referencia para Galicia procedentes doutras fontes de referencia (Directorio Central de empresas do INE, afiliacións á Seguridade Social do sector TIC facilitados polo IGE e enquisas propias).
Principais resultados correspondentes ao ano 2009
O número de empresas do sector TIC en España situouse en 42.078 no ano 2009, un 3,7% menos que o ano anterior. Neste mesmo ano, o número de empresas galegas do sector TIC acadaba a cifra de 1.542, experimentando un descenso do 2,1%, respecto ao ano anterior.
O número de ocupados no sector TIC situouse en 396.395 persoas, cun descenso do 4,6% respecto de 2008. En Galicia, o número de traballadores/as do sector TIC experimentou un crecemento do 20,8% no período 2008-2009, acadando os 16.327 ocupados/as no ano 2009.
O volume de negocios das empresas do sector TIC alcanzou en España os 92.057 millóns de euros en 2009, o que supuxo un descenso do 8,1% respecto ao ano anterior. Estas empresas xeraron un valor engadido de 35.071 millóns de euros, cun descenso do 2,8%.
Resultados de I+D estatais
As empresas do sector TIC investiron en I+D, no conxunto do Estado, 1.098 millóns de euros durante 2009. Esta cifra supuxo o 14,5% do gasto do total empresarial en actividades de I+D.
Dentro das industrias de servizos TIC, a que maior gasto tivo en I+D durante o ano 2009 foi a Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática, con 621 millóns de euros.
Os gastos correntes supuxeron un 90,4% do gasto total realizado en I+D polas empresas do sector TIC. Os gastos de capital representaron o restante 9,6%.
O sector TIC concentrou en 2009 o 17,9% do total do persoal dedicado a tarefas de I+D no sector empresarial e o 17,9% de total dos investigadores. O persoal ocupado en tarefas de I+D, en Equivalencia a Xornada Completa (EXC), dedicado a tarefas de I+D no sector das TIC ascendeu a 16.814,7. Destes, apenas o 23,1% foron mulleres.
O número de investigadores dedicados a I+D foi de 8.276,4 dos que o 21,6% foron mulleres.
Dentro das industrias de servizos TIC, a de Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática foi a que máis traballadores empregou, cun total de 10.570,0 en EXC. Desta cifra, 5.112,8 foron investigadores.
Empresas españolas que realizaron actividades innovadoras
O INE sinala que durante o ano 2009 o 42,7% das empresas do sector TIC realizaron actividades innovadoras. Por sectores, o 50,8% das empresas manufactureiras e o 41,9% das empresas do sector servizos tiveron actividades innovadoras.
Dentro do Sector TIC, o gasto en actividades innovadoras das industrias manufactureiras TIC situouse en 215,7 millóns de euros, mentres que nas empresas de servizos TIC foron 3.055,3 millóns de euros. O gasto do sector TIC supuxo un 18,5% do gasto do total empresarial en actividades innovadoras.
Valor da produción de bens do sector TIC
Segundo a Enquisa Industrial de Produtos, o valor da produción de bens TIC diminuíu tamén no conxunto do Estado un 28,0% no ano 2009, ao alcanzar os 4.283,6 millóns de euros.
O grupo de Equipos de audio e vídeo presentou o maior descenso respecto ao ano 2008, do 51,9%. Pola contra, o grupo que rexistrou un menor descenso no valor da produción foi o doutros produtos TIC, do 8,7%.
Entre os grupos de produtos do sector TIC destacou o valor da produción de Compoñentes electrónicos, que supuxo o 31,5% do total.
Comercio exterior de produtos TIC
A balanza comercial dos produtos TIC presentou para España no ano 2009 un saldo negativo de 10.970,5 millóns de euros. Este déficit comercial do sector foi un 44,8% menor que o de 2008.
As exportacións totalizaron 4.716,2 millóns de euros, mentres que as importacións alcanzaron os 15.686,7 millóns de euros.
Entre os grupos de produtos do sector TIC destacaron as exportacións de Compoñentes electrónicos, que representaron o 29,5% do total do sector TIC. En canto ás importacións, os Equipos de telecomunicacións supuxeron o 27,1% do total.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades