O software libre xerou en 2010 o 3,36% da facturación total do sector TIC en España

O software libre xerou en 2010 o 3,36% da facturación total do sector TIC en España
Data
17/01/2012

Co gallo da celebración do Congreso internacional de Software Libre, celebrado en Granada, o CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación do TIC baseadas en fontes abertas) vén de publicar o informe “El Software Libre en el Sector Español de Servicios Informáticos. Informe de resultados de la Encuesta sobre el Software de Fuentes Abiertas en el sector SI español (ESFA-SI) 2010-2011”. Este estudo analiza a situación actual do mercado de Software Libre en España e os desafíos aos que se enfrontan as empresas que compiten neste sector.

O estudo revela que o 39% das empresas de servizos informáticos afirman comercializar produtos baixo unha licenza de software libre ou fontes abertas ou realizar actividades relacionadas coa devandita tecnoloxía durante o 2010. A cifra de negocio que producen as solucións open source rolda os 776 millóns de euros, un 3,36% do total no sector TIC en España.

O 80% da facturación pola venda de produtos de software libre ven do sector privado, como o principal consumidor e cliente deste tipo de ferramentas. O sector público é unicamente responsable dunha quinta parte do volume do mercado. Así mesmo, estes ingresos adoitan provir de forma maioritaria dos servizos de consultaría tecnolóxica ao redor de programas open source (84%), seguido da consultaría de sistemas (67%).

Bases de datos e servidores

Entre as 10 tecnoloxías de software aberto máis comercializadas en 2010 atópanse os sistemas de xestión de bases de datos e os sistemas operativos de servidor e os servidores web, comercializados por 4 de cada 10 empresas. Doutra banda, segundo o estudo de Cenatic, atópase software libre nos servidores de portais, servidores de aplicacións, aplicacións ecommerce, navegadores web, servidores de ficheiros, CRM e servidores de correo, que foron comercializados por 3 de cada 10 empresas.

O sector TIC empregou durante a 2010 a perto de 40.000 persoas que estiveron implicadas en proxectos de consultaría ou desenvolvemento de software de fontes abertas. Por perfís profesionais, un 44% dos empregados/as que participaron nos proxectos de open source foron programadores/as, mentres que un 33% desempeñaron funcións de dirección e administración entre os servizos prestados.

O CENATIC prevé que a maior parte das empresas que na actualidade comercializan produtos ou servizos baseados en software de fontes abertas, seguirán comercializando este tipo de tecnoloxía no medio prazo. Así mesmo, unha de cada cinco empresas que neste momento non traballan con este software comezará a ofrecer aos seus clientes antes de cinco anos.

O software libre atravesa en España o seu "mellor momento". Na situación económica actual, as empresas que apostan por este tipo de software, que respecta a liberdade dos usuarios sobre o seu produto adquirido, crean valor engadido, tecnoloxía e postos de traballo.

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades