Este estudo consolídase coma unha fonte de información de referencia sobre o sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. O traballo de campo que contou coa realización de 412 enquisas, foi realizado no marco das tarefas de xestión encomendadas pola citada Secretaría Xeral á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e forman parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal.
Estas enquisas proporcionan, ademais dos valores globais de cada indicador, a desagregación por outras variables que ofrecen unha perspectiva comparada atendendo ao número de empregados/as, actividade económica, provincia e condición xurídica da empresa.
Os resultados desta análise permitirán actualizar o Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia incluído no III Plan Galego de Estatística 2007 – 2011.
O sector TIC de Galicia
O estudo de caracterización do sector empresarial das TIC, realizado polo OSIMGA, proporciona información sobre o número de empresas, volume de negocio e persoal empregado no sector asociado á Sociedade da Información. Ademais, analízase o equipamento e servizos especializados das empresas TIC en materia tecnolóxica, o seu grao de innovación, o uso do comercio electrónico, actividades formativas relacionadas coas tecnoloxías ou servizos da Sociedade de Información, así como a percepción estratéxica do sector e as prospectivas de mercado.
O informe sinala que o número de empresas galegas do sector TIC de Galicia, no ano 2010, ascende a 1.767, experimentando un crecemento do 14,6% no período 2009 – 2010. Isto sitúa a Galicia como a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC. Un 94,3% das empresas do sector TIC son microempresas (teñen entre 0 e 9 empregados/as) e o 5,7% son empresas de 10 e máis empregados/as.
O nivel de emprego no sector TIC situouse no ano 2010 nos 15.851 traballadores/as, o que representa o 1,57% da poboación ocupada galega, porcentaxe similar á do ano anterior (1,59%). Destes traballadores, un 23,5% son autónomos (3.720 autónomos)
Analizando as funcións dos traballadores desde a perspectiva de xénero, constátase unha menor presenza da muller no sector TIC. Apenas o 28,1% do persoal das empresas TIC galegas son mulleres. Os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas TIC, agás nos administrativos, de maior presenza feminina.
O volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.200 millóns de euros no ano 2010. Un 24,5% das empresas TIC galegas desenvolveron actividades de I+D+i no ano 2010 e un 13,1% das empresas TIC galegas dispoñen de certificación de calidade. No período 2008-2010, un 42,1% das empresas TIC introduciu innovacións nos seus bens e un 34,1% incorporou servizos novos ou mellorados.
Un 57,8% das empresas TIC galegas que dispoñen de acceso a Internet, utilízano para interactuar coas Administracións Públicas. A finalidade principal desta interacción é a obtención de información, impresos e formularios, sendo a Xunta de Galicia a Administración coa que máis se relacionan a través de Internet.
Un 65,6% das empresas TIC galegas mercou a través do comercio electrónico no ano 2010 mentres que a porcentaxe de empresas TIC que vendeu a través de comercio electrónico foi do 25,1% neste mesmo período. As vendas a través da Rede experimentaron un crecemento do 13,6% no período 2008-2010. O principal motivo para non vender a través de Internet é a percepción de que os seus produtos ou servizos non son axeitados para a venda na Rede.
Un 31,7% das empresas TIC galegas proporcionou formación TIC aos seus traballadores no ano 2010. Nestas empresas, un 79,1% dos traballadores/as asistiron a estas actividades formativas fronte ao 61,5% de traballadores que se rexistraba no ano 2008. As principais áreas de interese en formación TIC son: a administración de sistemas operativos, seguridade informática, protección de datos e redes e sistemas de telecomunicacións.
O informe recolle tamén que un 51,3% das empresas TIC galegas considera o sector TIC están nunha fase de consolidación ou expansión. Perto dun terzo das empresas TIC galegas (31,7%) confía en que a tendencia de evolución futura do seu sector nos tres próximos anos será expansiva, a escasa distancia das que cren que será estable (30,4%).
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
Resumo executivo (pdf, 727 KB)
Descargar informe completo (pdf, 2,7 KB)