Os autónomos de Galicia á cabeza do Estado en equipamento informático

Logo osimga
Data
23/05/2011

A proporción de autónomos que declaran dispor de algún equipamento informático é significativamente superior entre os de Galicia (60,7%) e inferior entre os das Illas Baleares (32,9). O computador de sobremesa é o equipamento máis frecuente entre os autónomos, seguido a considerable distancia polo portátil e o terminal de punto de venda (TPV).
Prioridades
Por comunidades autónomas, son os autónomos de Murcia e Galicia os que consideran “absolutamente necesarias” as axudas para a incorporación das TIC nos seus negocios (53,6% e 48,3%, respectivamente). No caso galego, un 30,9% as valora como “necesarias mais non cruciais”, un 10% indiferente e un 5,2% innecesarias. En Andalucía destaca a postura de quen as considera “necesarias mais non cruciais” (38,7%). En Baleares, A Rioxa, Madrid e as comunidades do Cantábrico consideran innecesarias tales axudas.
Os autónomos de Galicia opinan maioritariamente (46,2%) que as axudas deben destinarse a Incorporación e modernización do equipamento informático, seguido de formación (19,3%), web e comercio electrónico (15,8%) e conexión a Internet (12,4%) e apenas un 6% á incorporación/actualización de softwarte para a xestión do comercio.
En xeral entre os menores de 40 anos son máis os que consideran que as subvencións deben ir destinadas prioritariamente á paxina web e ao comercio electrónico, mentres que os maiores de 50 anos refírense mais á formación en TIC dos propios usuarios (26%).
A prioridade das subvencións debería ser para a incorporación e modernización do equipamento informático dos negocios, segundo defenden máis os sectores de actividades profesionais, científicas e técnicas (48,3%) e industria (47,7%). En cambio, entre o de actividades financeiras, seguros e inmobiliaria, por unha banda, e o de automoción, comercio e servizos persoais doutra, priorízase significativamente máis ca no resto a incorporación e actualización do software para a xestion do comercio (11,6% e 8,9%, respectivamente).
Confianza
Os profesionais autónomos de Galicia confían maiormente nos fabricantes de programas e aplicacións, o comercio polo miúdo e os fabricantes de equipamento informático que reciben a mesma puntuación (3,2) seguidos polos servizos de asesoramento externo contratados polo negocio e as asociacións sectoriais, ambas as dúas con 2,8 puntos. A continuación, valórase a Administración pública (2,7) as operadoras de telecomunicacións (2,4) e por último as cámaras de comercio (2).
Comparativamente, son Asturias e Galicia, con 3,2 puntos de media, as que mais confian no papel asesor tecnolóxico dos fabricantes de software, a diferenza de Murcia, cun índice inferior (2,6).
A confianza é significativamente maior nos comerciantes comerciantes polo miúdo de informática entre os autónomos que operan en Navarra (3,4), Cantabria (3,3), Galicia e Andalucía, con 3,2 puntos cada unha. No extremo contrario, atópanse as xa sinaladas Comunidade Valenciana e Rexion de Murcia, con 2,8 e 2,6, respectivamente.
Respecto dos asesores externos contratados polos propios negocios, e que parecen ser os axentes con máis credibilidade como asesores tecnolóxicos para os autónomos, destaca a confianza depositada neles polos enquisados navarros (3,6) e baleares (3,4), a diferenza de Galicia e Valencia, con senllos 2,8 puntos.
Asturias (3,3) e Galicia (3,2) son as comunidades onde máis se confía no papel asesor tecnolóxico dos fabricantes de equipos, por riba do total e, especialmente, respecto de Valencia (2,8) e Murcia (2,6).
En canto ás Cámaras de Comercio, o seu consello en materia tecnolóxica resulta máis solvente en Baleares (2,8), Cantabria (2,7) e Castela-A Mancha (2,6); no lado contrario, as medias máis baixas son as rexistradas en Galicia e Andalucía (ambas as dúas con 2).
Xa para finalizar, Canarias e Cantabria son as autonomías que máis confianza manifestan respecto das asociacións sectoriais (3,3), mentres que o nivel de confianza descende en pequena proporción entre os entrevistados de Valencia (2,5), Aragón (2,7) e Galicia, Murcia e A Rioxa, con 2,8.
Confían significativamente máis no papel asesor da Administracion publica quen opera no sector financeiro e afíns, así como quen realiza actividades profesionais, científicas e técnicas; ambos os dous sectores cunha media de 2,7 puntos. Mentres que, con 2,4, mostra a confianza dos sectores de automoción, comercio e construción, así como o de transportes e almacenamento. Os sectores industrial e o de actividades financeiras, seguros e inmobiliarias son os que máis confían no asesoramento tecnolóxico das empresas e operadoras de telecomunicacións (2,7), a diferenza dos de actividades administrativas, educativas e empregados do fogar (2,2). Así mesmo, nas asociacións sectoriais confía significativamente mais o sector industrial (3,1), mentres que os administrativos, docentes e persoal de servizo domestico reducen un pouco a súa confianza (2,8).
 
Como indicaba OSIMGA, nunha análise anterior, esta terceira edición do estudo está baseada en preto de 3.500 enquisas realizadas a autónomos do conxunto do Estado.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades