Os autónomos galegos superan ás empresas no uso das redes sociais

Os autónomos galegos superan ás empresas no uso das redes sociais
Data
01/06/2014

O traballador autónomo galego responde a un perfil masculino, cunha idade entre 40 e 54 anos, dedicado fundamentalmente ao sector servizos (57,8%), aínda que cun peso importante da agricultura (25,8%). Non obstante, destaca a elevada porcentaxe de mulleres autónomas en Galicia (43,2%), 9,3 puntos por riba da media que se rexistra a nivel estatal)
Así se desprende do informe “A Sociedade da Información e os autónomos de Galicia”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este estudo pon foco nos 143.500 autónomos que existen en Galicia e que representan un 7,5% do total de 1.923.935 autónomos que hai en España
Trátase do primeiro estudo específico no ámbito das TIC que se realiza entre os autónomos galegos, a partir de datos específicos facilitados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a través do Instituto Galego de Estatística (IGE), en virtude con convenio asinado entre Amtega e o IGE.
Superan ás microempresas no uso das redes sociais
As redes sociais adquiren unha importancia estratéxica para os autónomos galegos: Un 28,3% emprega as redes sociais, superando uso que rexistran, tanto as formas societarias (24,2%) como a media global das microempresas (26,4%).
Outros medios sociais como os websites que permiten compartir contidos multimedia (Youtube, Flickr, Picassa, SlideShare, Instagram...) tamén son empregados por un 14,1% dos autónomos fronte ao 12,4% de media global para as microempresas.
En canto ao uso de blogs para empresas ou microblogs (Twitter, Present-ly, Blogger, Typepad...) e as ferramentas para compartir coñecementos baseadas en Wiki, os autónomos galegos presentan un comportamento semellante ao resto de microempresas galegas.
Incremento no uso da Internet móbil
O estudo pon de manifesto un incremento relevante da dispoñibilidade de ordenador (12 puntos) e do uso do correo electrónico (9,5 puntos) entre os autónomos. Un 61,6% dos autónomos TIC galegos dispoñen de ordenador e máis da metade (51,3%) emprega o e-mail.
A pesar deste incremento considerable na dispoñibilidade de ordenador entre os autónomos, aínda está 26,2 puntos por baixo da porcentaxe que rexistran as sociedades. Non obstante, a tendencia é positiva xa que a fenda entre autónomos e sociedade reduciuse en 6,5 puntos porcentuais.
O informe tamén conclúen que a Internet en mobilidade é unha tendencia tecnolóxica que despunta entre os autónomos. Máis da metade dos autónomos galegos con conexión a Internet, accede á Rede a través de banda larga móbil, superando a porcentaxe que rexistran as sociedades, experimentando un aumento moi relevante no ano 2013 (17,9 puntos). Este dato é clave para calibrar a importancia da penetración desta tecnoloxía, mediante o uso  de dispositivos portátiles ou teléfonos móbiles
Ademais, un 18,9% dos autónomos galegos dispón de acceso remoto ao correo electrónico, documentos ou aplicacións da empresa, mediante conexión a Internet fixa, sen fíos ou móbil.
A pesar da súa relativa novidade, un 8,5% dos autónomos galegos xa optaron pola xestión da información na Nube. A súa implantación non está tan afastada da acadada pola media xeral das microempresas (9,7%). Os principais usos do Cloud Computing son o almacenamento e o backup.
Baixa implantación de aplicacións para a xestión empresarial
As aplicacións informáticas para a xestión empresarial teñen unha implantación baixa entre os autónomos galegos, rexistrando porcentaxes por debaixo do 5% no envío de facturas electrónicas, ERP, CRM e formación en TICs.
O informe do OSIMGA detecta tamén a necesidade dun forte impulso na comercialización dos seus produtos a través de Internet posto só un 7,3% dos autónomos galegos compra a través da Rede e só un 1,3% vende os seus produtos na Internet.
Informe "A Sociedade da Información e os Autonomos de Galicia. Edición 2013"
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades