Os fogares reduciron o seu gasto en telecomunicacións no ano 2011

Logo osimga
Data
21/02/2012

A pesar de que Internet aumentou a súa presenza significativamente nos últimos anos, as familias están a recortar o seu gasto en TIC, especialmente no segmento da telefonía móbil. Os fogares gastaron o pasado ano menos cartos en telecomunicacións que en 2010, segundo datos do primeiro semestre de 2011.

Segundo a enquisa enviada a 3.164 casas, o 59,5% dos fogares españois dispuña dun acceso a Internet en marzo de 2011, case o dobre, 26 puntos máis, que no mesmo período de 2006. Aínda que Internet é o servizo de telecomunicacións que máis medrou nos últimos anos, a telefonía móbil é o que estaba máis presente nos fogares no primeiro trimestre de 2011, no 91,7% das casas. Seguíalle a telefonía fixa (no 81,8%), Internet (no citado 59,5%) e a televisión de pago (no 21,9%).

Gasto mensual por fogar

En telefonía móbil a redución do gasto foi maior, notablemente en voz. Cada familia ou usuario pagou de media 12,6 euros ao mes en chamadas no segundo trimestre de 2011, un 15% menos que un ano atrás, que foron 14,8 euros. No total de telefonía móbil, o gasto baixou un 5,3% até os 19,5 euros.

No segundo trimestre de 2011, algo máis dunha décima parte dos clientes de contrato utilizaron servizos de Internet móbil. Estes gastaron de media no devandito período 10,7 euros mensuais en datos, 1,4 euros máis ca un ano antes.

A penetración de Internet nas vivendas de clase alta dobra á do resto dos fogares

A CMT advirte que un factor determinante na penetración das telecomunicacións é o número de habitantes da poboación onde se atopa unha casa, principalmente en servizos que dependen de redes fixas. Por exemplo, dispoñen de teléfono fixo o 93,3% dos fogares de cidades de máis de medio millón de habitantes, en cambio en poboacións de menos de 10.000 habitantes a penetración baixa até un 71,9%. O mesmo ocorre co acceso de Internet, que vai dun 67,8% a un 43,5%.

Os condicionantes sociais tamén son para a CMT un elemento fundamental no acceso á Rede, xa que a penetración de Internet nos fogares de “clase alta”, que era do 74,2%, practicamente dobraba á de fogares de clase social “baixa” e “media baixa”. Unha razón para non contratar un acceso a Internet é, para a metade dos que non teñen este servizo,  “non posuír un computador”. Para unha cuarta parte, resulta caro.

Na forma de pagar a factura de telefonía móbil inflúe notablemente a situación económica e a idade. Por exemplo, o 23% dos traballadores a tempo completo tiñan liñas unicamente de prepagamento. En cambio este tipo de liñas ascende ao 40,7% entre os desempregados.

Por idades, o 75,1% dos adolescentes con móbil de entre 10 e 14 anos utilizaban este método de pago. Tamén practicamente a metade dos mozos entre 15 e 24 anos e os anciáns de máis de 65 anos. En cambio, o uso de prepago baixa até case unha cuarta parte entre os que tiñan entre 25 e 49 anos.

O servizo máis minoritario de telecomunicacións é a televisión de pago. En 2011, atopábase no 32,1% dos fogares das poboacións de entre douscentos mil e cincocentos mil habitantes, que é a categoría xeográfica onde máis presenza ten. No conxunto de poboacións, atopábase no 21,9%.

Entre os motivos esgrimidos para non contratar servizo, o 73,7% respondeu que tiñan d’abondo coa televisión de balde, e o 33,7% que lles parecía cara a televisión de pago.

Informe sobre los consumos y gastos de los hogares españoles en los servicios de comunicaciones electrónicas.’ CMT. Primeiro semestre 2011
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades