Dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vense de lanzar o proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a folla de ruta en materia tecnolóxica co horizonte 2020 e quérese que a Axenda sexa unha estratexia de todos e para todos.
E para iso, estase a abordar a súa elaboración en base a un modelo de intelixencia colectiva, facendo partícipes dende o inicio a todos os axentes implicados na identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfronta Galicia no horizonte 2020.
A este respecto, a través do Blog XenteDixital (http://blog.adg2020.es/) está en marcha unha campaña para a participación social, para que calquera persoa poida achegar as súas suxestións libremente ou dar resposta a unha serie de desafíos tecnolóxicos que se formularán periodicamente.
Dende o 28 de xullo e ata o 15 de setembro estarán abertos os seguintes desafíos sobre os que poderán facer as súas achegas:
- A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet?
- Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais?