A porcentaxe de microempresas galegas con conexión a internet superior a 10 Mbps duplicouse no período 2010-2012

Logo osimga
Data
20/11/2012

Santiago | 19/11/12. No período 2010-2012, duplicouse a porcentaxe de microempresas con velocidade superior a 10 Mbps e aumentou un 33,6% nas empresas de 10 e máis empregados. Son datos que se recollen no informe temático “Indicadores de Banda Larga”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este estudo amplía os datos incluídos no “Diagnóstico ás Empresas sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2012”, recentemente publicado polo OSIMGA.
En relación á tecnoloxía principal contratada de acceso a Internet, o 71,5% das microempresas que dispoñen de Internet contan con ADSL e a segunda modalidade de conexión en orde de importancia é o cable (16,1%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores a tecnoloxía principal de acceso a Internet contratada  segue a ser o ADSL (83%) pero xa se sitúa en segundo lugar o acceso a Internet a través de banda larga móbil.
As tecnoloxías de mobilidade cobran relevancia nas empresas galegas xa que a banda larga móbil era case inexistente no ano 2010 e acada ao 11,8% das microempresas e ao 23,9% das empresas de 10 e máis empregados con conexión a Internet no ano 2012. Ademais, obsérvase que cando medra o número de empregados, as empresas optan por dispoñer de varias tecnoloxías de acceso a Internet, principalmente ADSL, cable e banda larga móbil.
Mellora da competitividade empresarial coa extensión da banda larga
As infraestruturas de telecomunicación son un ámbito no que a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, fixo un importante esforzo nos dous últimos anos coa posta en marcha do Plan de Banda Larga 2010-2013 para dotar de cobertura a todos os galegos en 2013.
As actuacións que está a desenvolver a Xunta de Galicia, teñen o seu reflexo nos avances na contratación de Internet e banda larga nas empresas galegas.
Como punto de partida e, conforme se sinalaba no Diagnóstico ás Empresas, un 75% das microempresas galegas dispón de acceso a Internet contratado. Non obstante, este grao de implantación resulta sensiblemente menor ao acadado nas empresas con 10 e máis empregados (99,1%), situándose lixeiramente por riba da media española (97,5%).
Pese a fenda  entre ambos os dous segmentos empresariais, a evolución do indicador dá a medida do rápido grao de implantación de Internet entre as microempresas galegas, cun crecemento do 17,6% no período 2010-2012, superior á media estatal (12,2%). A banda larga tamén experimentou un incremento do 12,5% entre as microempresas galegas, acadando xa ao 67,5% das microempresas galegas e ao 96% das empresas de 10 e máis asalariados.
A análise polo tipo de actividade da empresa non dá lugar a diferenzas significativas na conexión á Rede nas empresas de 10 e máis empregados, rexistrando practicamente a accesibilidade plena en todos os casos. Sen embargo, no caso das microempresas, cabe salientar que as dedicadas ás actividades de transformación do carbón e refino de petróleo, produtos farmacéuticos e produtos minerais non metálicos sexan as que rexistran unha maior porcentaxe na dispoñibilidade de Internet cun 94,6% e as microempresas do transporte e almacenamento a menor porcentaxe  cun 44,5%.
O grao de utilización de Internet polos traballadores das empresas é de diferente intensidade segundo o sector de actividade da empresa. O 71,2% dos traballadores das microempresas galegas con conexión a Internet  fan uso da Rede polo menos unha vez por semana, sendo as empresas dedicadas ao sector servizos as que fan un uso máis intensivo das posibilidades da Rede.  Por tipo de actividade as empresas  que rexistran unha maior contratación de banda larga son as dedicadas a actividades profesionais, científicas e técnicas.
Sensibilizar e formar sobre a utilidade das TIC, claves para superar as barreiras
De entre as microempresas galegas que non dispoñen de acceso a Internet, unha ampla maioría apunta como causa desa carencia que perciben que “non o necesitan” (44,2%). Hai outros aspectos, como a falta de coñecementos para utilizalo, que serve de argumento para un 20,1% delas. Cuestións económicas, como o prezo da conexión ou dos equipos son máis minoritarias, representando factores a ter en conta para menos do 10% das microempresas que non teñen Internet. Non obstante, o 22% das microempresas sen Internet contratado cren que o servizo sería beneficioso para a súa empresa.
Co fin de promover accións de comunicación para informar sobre a existencia de servizos dixitais e dar a coñecer os beneficios que conleva a súa utilización a nivel persoal, profesional e social, a Amtega puxo en marcha dúas iniciativas: a Rede Cemit e Voluntariado Dixital. Estes proxectos son un instrumento esencial de soporte á estratexia da Xunta de Galicia para superar as barreiras de acceso á Sociedade da Información.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades