O prazo de presentación de candidaturas á V edición do Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con Software Libre, organizado pola AMTEGA, aínda está aberto ata o vindeiro 31 de outubro de 2012.
A el poden presentarse todos os proxectos de fin de carreira que presentados no Sistema Universitario Galego en calquera das convocatorias de defensa de proxectos nos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012, incluídos polo tanto os da recente convocatoria de Setembro de 2012. Os requisitos que deben cumprir os proxectos para seren admitidos ao premio son:
- Ter sido realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
- Ter publicado o software desenvolvido durante o PFC cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
O premio está dotado con ata 2.300 euros a repartir en tres categorías; primeiro premio e accésit, concedidos pola empresa Igalia, e unha mención especial, que concederá a Asociación Cultural Trasno á promoción da lingua galega nas Tic ao proxecto en software libre no que se traduza, localice, internacionalice ou se difunda a lingua galega.
Ademais a empresa Igalia tamén ofrece un 10% de desconto adicional aos participantes neste premio que queiran cursar o Máster en Software Libre para o tamén continúa aberto o prazo de matriculación.
Todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa oficina de coordinación FLOSS da Xunta de Galicia.
Obxectivos
A AMTEGA organiza e convoca este ano, por primeira vez, o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en materia de Software Libre 2012.
Así a Xunta recolle a testemuña da organización das catro anteriores edicións pola empresa Igalia co obxectivo de darlle un novo pulo ao premio integrando nel aos distintos axentes do ecosistema do software libre galego coa mesma estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións de dito Plan de Acción. Así ademais de co patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto Trasno, cóntase coa participación e colaboración das tres universidades galegas, de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.
O obxectivo da convocatoria deste premio é concretamente o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento.
Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu proxecto fin de carreira e todo iso promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.