A Fundación Telefónica publica unha nova edición do informe sobre a “Sociedade da Información en España 2013” (SIE2013), onde achega as principais tendencias e os indicadores relacionados coa conectividade a Internet, a utilización da tecnoloxía móbil, o comercio e a administración electrónica por parte dos consumidores e das empresas no conxunto do Estado e nas Comunidades Autónomas.
Entre os datos máis destacados figura que un 65% dos galegos e galegas que utilizaron Internet nos últimos tres meses participaron en redes sociais e un 45% utilizou a banca electrónica.
Dende o ano 2010 todos os indicadores da Sociedade da Información en Galicia amosan un crecemento, especialmente no ámbito da accesibilidade a Internet nos fogares galegos. O Plan de Banda Larga permitiu que poidan acceder con calidade á rede máis de 680.000 galegos de zonas ata agora sen cobertura, superando o 95% do total fronte ao 70% de 2009. Ademais 1,1 millóns de galegos poden conectarse a Internet con redes NGA, 1,5 veces máis que en 2009. A porcentaxe de fogares con conexión a Internet supera os 15 puntos porcentuais respecto ao inicio do plan.
No tocante ao tecido empresarial, a Fundación Telefónica destaca que Galicia sitúase como a 5ª Comunidade Autónoma con maior número de empresas TIC do Estado. Un 99,3% das empresas de 10 ou máis empregados/as con conexión a Internet dispón de banda larga e superan a media estatal no uso de software libre e sinatura dixital.
Un 56,4% conta cunha velocidade de conexión a Internet de entre 2 e 10 Mbps: No tramo de velocidade entre 10 e 30 Mbps, a porcentaxe acada o 29,6%, superando nos dous casos a media estatal. Un 64,8% accede a Internet a través de telefonía móbil de banda larga.
As microempresas galegas reducen a fenda dixital coa media estatal en 8,2 puntos porcentuais en equipamento de ordenador, en 6,6 puntos en conexión a Internet e en 3 puntos en dispoñibilidade de páxina web.
Galicia é a 2ª Comunidade Autónoma no uso da administración electrónica para obter información e para descargar formularios oficiais por parte da cidadanía. Un 88,4% das empresas de 10 e máis empregados con conexión a Internet interactúan coa Administracións Públicas a través da Rede.
Cidadanía e empresas poden acceder á sede electrónica e presentar de forma telemática máis de 570 procedementos, o que supón máis do 36% do total de trámites dispoñibles na Xunta de Galicia.
Finalmente, o informe tamén recolle as iniciativas e os proxectos desenvolvidos pola Xunta de Galicia no marco da Axenda Dixital 2014.gal entre os que destacan aqueles centrados no ámbito da administración electrónica, a cidadanía dixital, o impulso da economía do coñecemento e a ampliación da rede de infraestruturas de comunicacións.
Poden verse os principais resultados do informe no seguinte vídeo:
E descargar o informe nesta ligazón:
http://www.fundacion.telefonica.com/es/arte_cultura/publicaciones/sie/sie2013.htm