A Comisión Sectorial TIC da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE-TIC) publica unha nova edición do informe UNIVERSITIC, que analiza o nivel de implantación das tecnoloxías da información e a comunicación nunha mostra de 63 universidades do conxunto do Estado (44 de carácter público e 19 privado).
O informe recolle os principais indicadores sobre equipamento, xestión administrativa e goberno no ámbito TIC. As tres universidades galegas (UDC, USC e UVIGO) participaron nesta edición de 2013, na que tamén figuran os datos agrupados sobre o nivel de uso das TIC na docencia presencial e non presencial.
Na docencia presencial destaca o incremento na dotación de equipamento básico nas aulas. No 2013, un 66,51% delas dispón de proxector multimedia e conexión a Internet, o que supón 3 puntos porcentuais máis que o ano anterior.
O 8,92% das aulas universitarias conta con pizarra dixital, ademais de proxector multimedia e conexión a Internet. O número de aulas que dispoñen deste equipamento incrementou un 39,8% dende o ano 2012.
Táboa 1: Indicadores do equipamento TIC na docencia presencial. Fonte: CRUE
Na docencia non presencial (e-Learning) rexístrase un incremento en todos os indicadores. Un 94% dos estudantes e un 92% do persoal docente e investigador (PDI) utilizaron a plataforma de docencia virtual institucional no 2013, un 1,3% e un 2,5% máis respectivamente que no ano anterior.
O número de titulacións non presenciais incrementou un 24,2% dende o ano 2012. Actualmente, un 6,52% das titulacións dispón dunha modalidade non presencial.
Un de cada tres cursos de formación en competencias impartidos na universidade está centrado no ámbito TIC. O 12% dos estudantes, o 23% do PDI e o 36% do persoal de administración e servizos (PAS) recibiron formación en TIC durante o último ano.
Táboa 2: Indicadores do equipamento TIC na docencia non presencial: Fonte: CRUE
Poden consultarse todos os indicadores TIC na seguinte ligazón:
http://www.crue.org/Publicaciones/universitic.html