Logo osimga
Data
10/05/2012

O CPEIG publica “Open Data e RISP: xerando valor social e económico”, un estudo pioneiro que analiza o contexto actual da iniciativa Open Data e aborda as orixes, conceptos e réxime xurídico das iniciativas de reutilización da información no sector público, ademais da opinión de expertos sobre os beneficios da súa implantación na sociedade, nas empresas e nas administracións públicas.
Open Data e reutilización da Información do Sector Público (RISP) consisten en poñer a información das distintas administracións dispoñible en formatos estándar que faciliten o seu acceso e permitan a súa reutilización. Entre os obxectivos desta iniciativa destacan a xeración de valor e riqueza, posto que se obteñen produtos derivados dos datos por parte de terceiros; a xeración de transparencia, empregando os datos existentes para analizar e avaliar a xestión pública; e facilitar así a interoperabilidade entre as administracións, creando novos servizos que empreguen datos de distintas fontes públicas.
O estudo contén as análises de reputados expertos en Administración pública, xuristas e profesionais, entre os que se atopan Alberto Ortiz de Zárate, de Open Data Euskadi; Antoni Miret, de licitaciones.es; Carlos de la Fuente García e Martín Álvarez, da Fundación CTIC; Carlos Guadián, de Autoritas Consulting; David Cabo, de Pro Bono Público; Jorge Campanillas e José Luis Calzada, de Iurismática Abogados; Lluís Sanz i Marco e Marc Garriga, do Concello de Barcelona; L. Fernando Ramos e Andrea Sala, de Publidoc-UCM; e Mar Pereira Álvarez, directora da Amtega da Xunta de Galicia.
Malia que hoxe en día a apertura de datos é xa unha obriga, esta publicación destaca a necesidade de concienciación política e social sobre as iniciativas Open Data, como exemplo de participación cidadá así como unha oportunidade de futuro na procura dun goberno cada vez máis aberto á cidadanía, máis e eficiente e transparente.
A Xunta de Galicia deu un paso importante no cumprimento do principio de transparencia informativa coa posta en marcha do portal Abert@s, o espazo onde, desde o 26 de marzo, se publica a  información de interese público da Administración galega e dos seus organismos en formatos abertos e estándar, para a súa reutilización por parte de cidadáns e empresas.
 
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades