A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria consolida a rede social Redeiras, posta en marcha neste ano e desenvolvida por asesores do proxecto Abalar utilizando software libre (ELGG e LAMP) e integrandoa no sistema corporativo de autenticación de usuarios da Consellería.
Redeiras ofrece todas as funcionalidades propias de calquera outra rede social, como son a creación de espazos privados e individuais, a creación de espazos de grupo e creación de grupos por intereses comúns, o intercambio de ficheiros, a publicación de contidos personalizados ou de grupo, a posibilidade de compartir ficheiros e documentos, a creación de documentos colaborativos en liña, o intercambio de marcadores de internet, a publicación de contidos multimedia (imaxe, vídeo e son), un servizo de mensaxería interna para uso exclusivo entre os usuarios da rede social, etc.
Redeiras é a primeira rede social creada para o intercambio de información do profesorado dos centros públicos de ensino en Galicia. A aplicación continúa incrementando, dende a posta en marcha en marzo de 2012, o número de usuarios e atópase en constante evolución, coa incorporación de novas funcionalidades. Este é o caso do módulo de enquisas que permite o debate e participación activa sobre diferentes temas propostos polos docentes.
A rede social dispón na actualidade de 5.518 usuarios, que constituíron 152 grupos activos, crearon 754 entradas nos blogues dos usuarios, intercambiaron 252 arquivos e 4720 mensaxes.
Todos os interesados en participar en Redeiras poden darse de alta na seguinte ligazón: Redeiras