As Redes Sociais suspenden en accesibilidade

Logo osimga
Data
05/04/2011

O estudo, elaborado polo Observatorio da Accesibilidade TIC do portal Discapnet, conclúe que as redes sociais teñen un nivel de accesibilidade “baixo”. En concreto, o documento afirma que, desde o punto de vista da análise de requirimentos técnicos, o nivel de accesibilidade é “moi deficiente”, mentres que segundo a experiencia dos usuarios con discapacidade o nivel é “deficiente".
Da mostra analizada, na que se incluíron as 8 plataformas máis estendidas no Estado español -Facebook, Tuenti, MySpace, Xing, LinkedIn, Twitter, Flickr e Windows Live Spaces- o informe mostra que LinkedIn é a plataforma que obtivo un nivel de accesibilidade técnica máis alto, con tres estrelas sobre cinco, equivalente a un nivel de accesibilidade “moderado”.
Séguenlle Flickr e Xing, con dúas estrelas no apartado de análise técnica, o que supón un nivel de accesibilidade “deficiente”. No resto de plataformas a análise técnica ofrece unha cualificación de accesibilidade “moi deficiente” ou de “inaccesibilidade total”. Así, as que presentan maiores barreiras de accesibilidade desde o punto de vista técnico son Tuenti e MySpace.
Ademais da análise técnica, o informe recolleu a experiencia dos usuarios con discapacidade. A que presenta un nivel de accesibilidade maior nesta valoración é Flickr (valorada con tres estrelas sobre cinco), seguida por Xing, Twitter, Facebook e LinkedIn, con dous. Pola contra, as peores en accesibilidade en opinión dos usuarios son MySpace, Windows Live Spaces e Tuenti, que obteñen unha estrela, o que supón unha accesibilidade “moi deficiente”.
Para a avaliación do grao de accesibilidade nas plataformas de redes sociais aplicouse unha nova metodoloxía que inclúe a análise do cumprimento de doce aspectos ou criterios de accesibilidade. De todos eles, o informe conclúe que os de maior nivel de cumprimento refírense ao Acceso Multinavegador e á Cor.
Neste sentido, o estudo valora o acceso a través de diferentes navegadores e o emprego que fai a maioría das redes sociais da cor, o contraste das imaxes, o contraste do texto co fondo e o uso semántico da cor.
Pola contra, o maior volume de “malas prácticas” ten que ver co uso de ‘scripts’ non accesíbeis. Os ‘scripts’ inaccesíbeis para as axudas técnicas poden provocar graves dificultades de acceso aos diferentes servizos. En ocasións supoñen a aparición de mensaxes en pantalla que pasan desapercibidos para o usuario, saltos de páxina ou comportamentos inesperados.
Con todo iso, o Observatorio de Accesibilidade elaborou unha serie de recomendacións. Entre elas sinala a necesidade de desenvolver unha codificación correcta capaz de ser interpretada de forma adecuada polos dispositivos de navegación dos usuarios con discapacidade; realizar un desenvolvemento accesíbel dos formularios; aplicar alternativas de texto ás imaxes; dar importancia á utilización correcta dos encabezados, ou ter en conta o contraste entre o contido e o fondo. Trátase, conclúe o documento, de aplicar os requisitos de accesibilidade en todos os contidos.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades