Segue a medrar a competencia no mercado da banda larga

Segue a medrar a competencia no mercado da banda larga
Data
01/02/2012

A CMT resalta que por primeira vez, nos municipios de entre 50.000 e 100.000 habitantes, Telefónica perdeu o nível do 50% da cota de mercado, tras descender do 51% ao 48,6%. Tamén en Madrid, onde baixou do 50,3% ao 48,7%.
 
Nos municipios de menos de 50.000 habitantes, Telefónica segue a ser a operadora maioritaria. Con todo, nestas poboacións é onde máis cota perdeu respecto ao ano anterior, con retrocesos de entre dous e cinco puntos porcentuais dependendo dos xeotipos.
 
As operadoras alternativas de xDSL (ADSL ou evolucións desta tecnoloxía) foron as que máis gañaron. No rango de municipios de menos de 50.000 habitantes, gañaron a práctica totalidade do perdido por Telefónica.
 
As operadoras de cable unicamente aumentaron de xeito significativo a súa cota en Madrid e Barcelona, onde subiron 0,7 e 0,4 puntos, respectivamente. Con todo, cederon cota na franxa de municipios entre os 50.000 e o millón de habitantes, onde o cable ten até o momento o seu mercado máis abundante.
 
As alternativos de xDSL conseguiron gañar o 76,5% dos accesos, fronte ao 53,4% de xuño de 2010. Telefónica levou o 8,1% das liñas, 22,7 puntos menos que no anterior período. A operadora histórica unicamente sumou máis liñas que os seus rivais nas poboacións de menos de 1.000 habitantes. Por contra, en Barcelona e nas poboacións entre de 10.000 e 50.000 habitantes perdeu liñas netas.
 
Penetración da banda larga fixa

No anterior informe de xuño de 2010, os avances na penetración de banda larga fixa (número de liñas por cada 100 habitantes) concentráronse nas grandes cidades, as de máis de 100.000 habitantes. No de xuño de 2011, eran os pequenos municipios nos que máis se incrementou.
 
Nas poboacións de menos de 10.000 habitantes a penetración foi, unha vez máis, sensiblemente inferior á media española e da UE. Con todo, estes municipios aumentaron en aproximadamente 1,5 liñas a súa penetración respecto ao ano anterior, unha subida superior á nacional, que foi de 1,15 liñas.
 
Madrid sumou 0,5 puntos máis de penetración respecto ao ano anterior. A capital, que alcanzou as 29,4 liñas por cada 100 habitantes, distanciouse aínda máis de Barcelona, que chegou ás 36,4 liñas, a penetración máis alta do Estado, tras gañar un punto porcentual. Madrid e Barcelona son as dúas únicas cidades que superan a media de penetración da Europa dos 15, que é de 28,9 liñas (en xaneiro de 2011). A media para o conxunto da UE (27) é de 26,5, e todos os municipios de máis de medio millón de habitantes superan esta marca.
 
Os prezos

Nas ofertas conxuntas de banda larga fixa e voz, as operadoras alternativas ofreceron prezos máis baixos que os de Telefónica. Con todo, as diferenzas reducíronse respecto ao período anterior. De feito, nos 6 Mbps de velocidade, só unha operadora ofertou un prezo significativamente máis baixo que o de Telefónica, que era de 39,9 euros mensuais.
 
Coas promocións comerciais (por exemplo, a redución da cota mensual durante uns meses), as diferenzas aumentaron. As alternativas tiveron un prezo inferior ao de Telefónica. En concreto, entre un 16,1% e un 9,3% menos de media, segundo fora de desagregación do bucle (a operadora ten acceso directo á casa do aboado) ou indirecto (non ten acceso) respectivamente. Neste caso, utilizouse o prezo efectivo, que resulta de aplicar os descontos sobre o prezo nominal nun período de 24 meses.
 
Banda larga móbil e FTTH

Na banda larga móbil dedicada (as datacards, que son cartóns SIM utilizados unicamente para unha conexión a Internet), Telefónica medrou de maneira significativa respecto ao ano anterior. Mantivo cotas por riba do 50% en Madrid e en poboacións de menos de 1.000 habitantes, á vez que rexistrou adiantos significativos en cidades de entre 100.000 e un millón de habitantes. Ademais, Telefónica conseguiu facerse co 50,1% de cota en Barcelona, tras gañar 6,8 puntos porcentuais nun só exercicio.
 
Vodafone perdeu a primeira posición en favor de Telefónica nas poboacións de entre 10.000 e 50.000 habitantes e as de entre 500.000 e un millón de habitantes. Orange tamén retrocedeu posicións próximas ao tres puntos porcentuais nas zonas de máis de 100.000 habitantes, fóra de Madrid, onde medrou 0,1 puntos até o 13,2%.
 
No período que remata en xuño de 2011 instaláronse 3.492 Nodos B (antenas con capacidade para Internet móbil), polo que o total alcanzou os 36.214 en España.
 
Sobre a FTTH (fibra óptica até o fogar), unha tecnoloxía en pleno despregamento, en todo o territorio alcanzáronse en xuño de 2011 os 96.621 accesos activos de banda larga sobre FTTH, fronte aos 31.749 do ano anterior. Madrid encabeza con diferenza a comercialización de Telefónica neste tipo de acceso: tras sumar 26.961 accesos activos no último período, alcanzou as 36.381 liñas de FTTH. Barcelona é a cuarta por número de accesos activos de FTTH, xa que quedou con 11.523 liñas. As poboacións de menos de 1.000 habitantes seguiron sen ter ningún acceso activo de FTTH.
'Informe de seguimiento de la situación competitiva de los servicios de acceso a Internet de banda ancha' (xuño 2011)
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades