A substitución entre o acceso telefónico fixo e o acceso telefónico móbil (SAFM) defínese como a substitución do teléfono fixo polo teléfono móbil como modo de acceso do usuario final á Rede (non só para efectuar chamadas). A “nota ocasional” publicada pola CMT presenta algúns resultados extraídos da base de datos do Panel de Fogares CMT-Rede.es no sector residencial español durante o período 2004-2010.
Aínda que cada vez hai máis fogares que optan por accesos unicamente móbiles, os datos indican que a taxa de substitución do acceso fixo polo móbil durante o período 2004-2010 foi aínda relativamente baixa. A CMT indica que entre 2004 e 2010, o número de liñas fixas residenciais descendeu un 2,1% mentres que o número de liñas móbiles residenciais aumentou un 21,9%. Con todo, a maioría de fogares dispoñen de ambos os tipos de acceso cun "lixeiro" incremento nos últimos anos, até alcanzar o 74% sobre o total de fogares no primeiro trimestre de 2011.
Para a CMT o recente auxe da banda larga móbil en España provocou que o acceso fixo perdera a súa vantaxe comparativa con respecto do móbil, dado que actualmente o rango de servizos ofertados sobre ambos os dous accesos é máis semellante.
A CMT afirma que aínda existen diferenzas entre a calidade das conexións á banda larga que poden incidir "negativamente" na taxa de substitución.
A mocidade é máis proclive ao acceso móbil
Os cambios demográficos poderían provocar un aumento da proporción de fogares con acceso só móbil. Os fogares novos son máis proclives a dispor unicamente de acceso móbil, o que podería provocar nun futuro un posible aumento da taxa de substitución e unha maior dispoñibilidade e calidade das ofertas de banda larga móbil.
De feito, unha recente enquisa sobre a substitución da banda larga fixa pola banda larga móbil efectuada pola CMT (publicada en novembro de 2011) indica que o 76,4% dos fogares que só dispoñen de banda larga móbil, nunca dispuxeran de banda larga fixa.
'La sustitución del acceso telefónico fijo por el acceso telefónico móvil en el sector residencial español'. Nota ocasional (CMT. Decembro 2011)