A telefonía móbil rexistrou en novembro o seu sétimo mes consecutivo de ganancias tras sumar 103.829 novas liñas. Desde maio de 2011 as operadoras de móbiles no seu conxunto gañaron 1.259.315 liñas. Con estas cifras, o parque total de liñas móbiles alcanzou en novembro os 55,93 millóns, o que supón unha penetración de 126 liñas por cada 100 habitantes.
O dinamismo da telefonía móbil reflectiuse tamén no alto número de portabilidades. Con 470.250 liñas portadas, novembro apuntouse a quinta maior cifra da historia en canto a cambios de operadora por parte dos usuarios. O segmento das datacards (liñas de banda larga móbil dedicadas, como cartóns SIM embebidas ou modem USB de acceso a Internet) rexistrou números negativos por terceiro mes consecutivo. En concreto, perdéronse 7.047 datacards, o que sitúa a cifra total de banda larga móbil dedicada en 3.544.566 liñas.
As OMV (operadoras móbiles virtuais) foron as que mellor aproveitaron o crecemento do mercado: en novembro gañaron 157.950 liñas entre portabilidades e altas netas de clientes. Por detrás das OMV situáronse Yoigo e Orange, que sumaron 19.780 e 14.350 liñas, respectivamente. No lado das perdas netas de clientes, Movistar pechou o mes con 78.630 liñas menos e Vodafone cedeu 9.620 liñas.
Banda larga e telefonía fixa
A CMT afirma que a banda larga sumou 47.794 novas liñas no mes de novembro, o que situou o parque en 11.104.060 liñas cun crecemento interanual do 5,2% e unha penetración de 24,1 liñas por cada 100 habitantes.
As alternativas acapararon o maioría das ganancias netas de banda larga, tras sumar 42.460 novas liñas. A certa distancia, as operadoras de cable rexistraron 8.530 altas netas. Telefónica perdeu 3.200 liñas, o que situou a súa cota de mercado no 49,4%, 3,54 puntos menos que hai un ano. Pola súa banda, as operadoras alternativas (non cable) gañaron 3,45 puntos de cota de mercado nese mesmo período, até o 31,08%. O cable posúe o 19,52% do mercado de banda larga, practicamente a mesma cifra que en novembro de 2010.
Pese aos descensos de liñas de banda larga no cómputo global, Telefónica fíxose con case a totalidade das altas neta de FTTH (fibra óptica até o fogar), que foron de 11.749 novas liñas. En novembro de 2011 existían no conxunto de España un total de 158.204 liñas de FTTH, das que 150.080 pertencían a Telefónica.
Na telefonía fixa, a ganancia de liñas rexistrada en outubro non tivo continuidade en novembro. Neste mes perdéronse 31.509 liñas de telefonía fixa e o parque total ficou en 19.397.927 liñas. Desde xaneiro perdéronse un total de 362.174 liñas fixas. A penetración da telefonía fixa en novembro foi de 43 liñas por cada 100 habitantes, un punto menos que no mesmo mes de 2010.
Nota Mensual CMT (novembro 2011)