A telefonía móbil sumou máis dun millón e medio de liñas durante 2011

A telefonía móbil sumou máis dun millón e medio de liñas durante 2011
Data
08/02/2012

O mercado da telefonía móbil mostrouse especialmente dinámico, con rexistros marca de portabilidade e cunha ganancia neta de 1.554.351 liñas, que supón un crecemento do 3,4% respecto ao ano anterior.

A banda larga fixa sumou 526.080 altas netas, que incrementan o parque de liñas un 5%, por mor do pulo das operadoras alternativas. A telefonía fixa apuntouse retrocesos por cuarto ano consecutivo.
 
Telefonía móbil

En decembro déronse de alta 258.909 liñas de telefonía móbil (sen incluír as M2M, liñas entre máquinas), unha cifra só superada polas máis de catrocentas mil liñas rexistradas en xullo. As altas de decembro permitiron pechar o exercicio cun parque total de 56.189.478 liñas e unha penetración de 121,7 liñas por cada 100 habitantes, 2,9 puntos máis que un ano atrás.
 
Un dato que reflicte o alto nivel de competencia no segmento móbil é que en decembro se rexistraron 528.933 portabilidades, a cifra máis alta da historia. Ese mes case o 1% do parque de liñas móbiles mudou de operadora.
 
A fortaleza mostrada en decembro polo móbil viuse algo embazada por un novo retroceso das datacards (os cartóns SIM dedicados unicamente a conexións a Internet) que, con 152.786 liñas menos en decembro, sufriron a maior caída do ano. Entre setembro e decembro de 2011 perdéronse perto de duascentas mil liñas de banda larga móbil dedicada.
 
Vodafone e Movistar foron as operadoras de telefonía móbil que lideraron os beneficios netos de liñas en decembro (diferenza entre liñas gañadas e perdidas), con 119.446 e 91.143 liñas, respectivamente. A terceira foi Yoigo, con 42.136, mentres que as denominadas Operadoras Móbiles Virtuais (OMV) lograron 29.299 novos clientes. Orange cedeu 23.115 liñas.
 
Banda larga fixa

As operadoras alternativas de xDSL (ADSL ou evolucións deste) lideraron de novo en decembro o beneficio neto de liñas de banda larga fixa, aínda que non con tanta forza como en novembro. No último mes do ano sumaron 33.810 altas netas, o que lles permitiu pechar o ano cun total de 11.147.934 liñas e un incremento do 5%. Tamén foron as que máis clientes gañaron durante o 2011 (553.068), o que lles permitiu aumentar a súa cota de mercado en 3,4 puntos, até o 31,3%. Telefónica perdeu, en conxunto, 123.422 liñas de banda larga, que supuxeron un retroceso de 3,41 puntos, até o 49,29% de cota. As operadoras de cable mantiveron practicamente o seu peso no mercado: 19,41%.
 
Telefónica sumou en decembro 9.437 liñas netas, unha alza que lle serviu para mudar a tendencia negativa mostrada nos meses anteriores. Esta ganancia foi posible grazas ao tirón do FTTH (fibra óptica até o fogar), que gañou 12.928 liñas. Telefónica, con todo, seguiu en decembro perdendo clientes de xDSL (-3.491 liñas). Esta operadora pechou o ano cunha perda de 237.093 liñas de ADSL, que supoñen un descenso do 4.3% no conxunto total de liñas que posúe desta tecnoloxía (5.331.699 liñas), mentres que logrou aumentar en 113.671 liñas a súa base de clientes de FTTH.
 
As operadoras de cable, pola súa banda, perderon en decembro 3.690 liñas netas. O parque de liñas de cable a final de ano foi de 2.048.792 liñas, un 4,9% superior ao de 2010.
 
Con 24,1 liñas por cada 100 habitantes, a penetración da banda larga fixa sumou en decembro 1,1 puntos respecto ao ano anterior. En 2011, o parque aumentou nun 5% e alcanzou as 11.147.934 liñas.
 
Telefonía fixa

O dato máis pesimista chegou un ano máis do lado da telefonía fixa. En decembro perdéronse 38.213 liñas. En todo 2011 desapareceron case catrocentas mil liñas, o 75% das cales foron de negocios. O parque reduciuse nun 2% no ano e quedou en 19.362.355 liñas. A penetración baixou un punto, até situarse en 42 liñas por cada 100 habitantes.
Nota mensual CMT (Decembro)
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades