Os resultados da enquisa de The Cocktail Analysis revelan que o 15% das pemes españoles con menos de 50 empregados realiza actividades de comercio electrónico, tanto a nivel nacional como internacional. Delas, un 6%, son empresas que reservan e venden por Internet, mentres que un 9% só ofrece reservas. Os sectores con máis peso nesta categoría son turismo, hostalaría, lecer e transporte. Ademais, un 12% son negocios de comercio electrónico unicamente, fronte ao 88% restante, que vende os seus produtos por distintas canles: venda en tenda, teléfono ou catálogo sectorial.
O comercio electrónico representa máis do 20% da facturación para o 31% das pemes que realizan e-commerce. Dentro destas, o 43% recoñece que os seus beneficios económicos aumentaron grazas ao comercio electrónico.
Os principais motivos que aducen para a utilización do comercio electrónico son a diversificación (aumento de vendas polo uso dunha canle adicional), por imaxe de marca e para acceder a mercados fóra de España.
Un 32% das pemes que utilizan o comercio electrónico inviste en publicidade a través de Internet, sobre todo en buscadores (19%) e un 47% destas mide a influencia da súa presenza online.
En canto ás plataformas de xestión de devndas e reservas, un 52% das Pemes con comercio electrónico opera desde unha soa plataforma (web, perfil de empresa en redes sociais, páxina de distribuidor).
O 20% de pemes sen comercio electrónico mostra interese en desenvolver esta actividade, mais apenas un 4% está a poñer en marcha a oferta de comercio electrónico; outro 9% considera que necesitaría dispoñer de máis recursos para implementar o este tipo de comercio.
O 80% das pemes sen comercio electrónico que sinala non estar interesadas en desenvolver esta actividade argumenta que isto é debido a que o seu produto ou servizo non se pode vender nin reservar en liña, que os seus clientes non están en Internet ou que o seu negocio é de ámbito local. O interese das Pemes por ter unha plataforma de e-commerce aumenta se xa contan con algún tipo de presenza na Rede.
Do total de pemes que non realiza comercio electrónico, o 22% ten unha presenza en liña máis avanzada, entendida como contar cun sitio web, presenza en redes sociais, cupóns, etc. e non só presenza en directorios e Google Maps.