Un de cada catro cidadáns non usou nunca un computador

Logo osimga
Data
27/03/2012

Segundo os últimos datos sobre 'alfabetización dixital' na UE, publicados por Eurostat, o 26 % dos cidadáns do conxunto do estado español non usou nunca un computador, unha porcentaxe lixeiramente maior á media da Unión Europea (22 %). Estes datos, corresponden á poboación de entre 16 e 74 anos, e foron recollidos en 2011.

Suecia foi o Estado membro onde os computadores están máis estendidos. Apenas un 4 % dos cidadáns suecos descoñece o uso deste tipo de dispositivos, seguido de Dinamarca, Luxemburgo e Holanda, todos eles co 6 %. No lado contrario situáronse Romanía, onde a metade da poboación nunca utilizou un PC, Bulgaria (45 %) e Grecia (41 %).

A porcentaxe de persoas familiarizadas cos computadores sobe notablemente no grupo de poboación de entre 16 e 24 anos en todos os Estados membros.

Catro de cada cen mozos europeos son 'analfabetos dixitais', mentres que en España esta proporción redúcese a dous de cada cen. Concretamente, o 74% dos cidadáns españois cunha idade comprendida entre 16 e 74 anos utilizou algunha vez un computador (fronte ao 78% de media na UE). A proporción aumenta até o 98% no caso dos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (fronte ao 96% de media na UE).
Segundo Eurostat, o 27% das mozas e mozos do conxunto do Estado español escribiu algún programa informático (superando o 20% de media na UE), o 66% creou unha presentación electrónica ou utilizou unha folla de cálculo, e o 84% copiou ou desprazou un ficheiro.
En Holanda, Austria, Luxemburgo e os países escandinavos, a totalidade dos mozos usou algunha vez un PC, mentres que Romanía e Bulgaria obtiveron tamén as cifras máis baixas neste apartado, por baixo do 90 %.

En toda a UE, o 63 % dos adultos utilizou algunha vez un computador para copiar ou mover un arquivo, (fronte ao 58 % en España), e o 43 % realizou operacións aritméticas básicas cunha folla de cálculo (o 41 % en España).

Segundo os datos de Eurostat, un de cada tres europeos e unha proporción semellante de cidadáns españois creou presentacións informáticas nalgunha ocasión, mentres que o 10 % dos europeos e o 12 % dos españois escribiu un programa de ordenador.

Eurostat indica tamén que o 3,4 % de todos os graduados da UE obtiveron unha titulación en informática en 2009. Daquela o España foi o terceiro Estado membro cunha maior porcentaxe (5,1 %), por detrás de Malta e Austria, ambos co 5,6 %. Hai que resaltar que o número de licenciados en informática no estado español reduciuse desde o 6,5% en 2005 até o 5,1% en 2009
 
Computer skills in the EU27 in figures (47/2012 - 26 de marzo de 2012)

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades