O estudo “Seniors dixitais. Edición 2023” foi elaborado en 2024 polo OSIMGA tras a análise da enquisa estrutural aos fogares que realizou o IGE en 2023.
No 2023, a idade media dos habitantes de Galicia supera os 48,16 anos e subiu case tres puntos dende 2013 (45,61). En 2023, xa máis da cuarta parte dos galegos e galegas ten máis de 64 anos. Destes, o 57% son mulleres, xa que a súa esperanza de vida é maior ca a dos homes.
Crece case un 12% a cantidade de maiores de 74 que navegan por internet, que son o 22,5% e un 10% dos 65 aos 74 anos ata acadar o 65,9%.
Dispositivos electrónicos
O 70,3% das persoas de 65 a 74 anos xa usan o smartphone e tamén o fan o 27,3% dos maiores de 74.
Os seniors tamén teñen acceso aos ordenadores: o 27,3% úsanos dos 64 aos 74 e o 8,4% das persoas maiores de 74.
No uso de todos estes dispositivos, os homes de máis de 74 superan claramente o nivel de dixitalización das mulleres. Entre os 65 e os 74 anos son as mulleres as que utilizan máis os dispositivos móbiles e smartphones que os homes.
Uso de internet
A porcentaxe de internautas galegos de 65 a 74 anos acada o 65,9% en 2023, o que supón un incremento dun 10% respecto ao ano anterior. En troques, os maiores de 74 só son internautas o 22,5%, pero creceron un 11,9% no último ano.
O acceso a internet é case idéntico entre homes e mulleres de 65 a 74 anos pero a partir dos 74, os homes superan ás mulleres en máis de 6 puntos (26,1% e 20%).
Continúa o incremento do número de maiores de 64 anos que utilizan o comercio electrónico ata o 19,8% dende os 65 anos e 16,2% dende os 75 pero están aínda moi lonxe da poboación menor de 65 (72,6%).
Máis do 43% dos maiores de 65 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas. Na maioría dos casos fíxoo para buscar información e enviar formularios cumprimentados.
No 2023, afiánzanse actividades na rede entre os maiores de 64 anos, que indican un bo nivel de dixitalización, como son a utilización da banca electrónica, concertar unha cita médica a través dunha páxina web o app móbil ou buscar información sobre temas de saúde.
Das persoas maiores que usan internet, o 55,4% usan a banca electrónica dos 64 aos 74 e o 41,1% a partir dos 74.
Os seniors xestionan de forma cada vez máis autónoma a sanidade por internet: dos 65 aos 74, o 49,1% de internautas xa concertou citas médicas, que foi o 36,7% no caso dos maiores de 74.