Análise do ONTSI sobre o uso das TIC nas empresas españolas

Logo osimga
Data
07/03/2012

Pemes e grandes empresas

O Observatorio estatal salienta no seu informe que en 2011 o 97,4% as empresas de 10 e máis empregados teñen conexión a Internet, o 99,4% delas a través de banda larga, fixa e móbil. O computador persoal é o dispositivo con maior penetración entre as pemes e grandes empresas. O correo electrónico (e-mail) e o teléfono móbil contan con penetracións do 96,8% e 93,6% respectivamente. A rede de ordenadores sen fíos alcanza unha penetración do 45,3%.

O informe destaca o incremento de 2,1 puntos na penetración da telefonía móbil experimentado en 2011. O 100% das pemes e grandes empresas do sector da informática, telecomunicacións e audiovisuais teñen ordenador, conexión a Internet, correo electrónico, banda larga (fixa ou móbil). Este sector, dispón tamén da maior penetración de rede de ordenadores sen fíos (73,6%).

A banda larga por telefonía móbil sitúase nun 50,4% das pemes e grandes empresas con Internet experimentando un aumento de 13,7 puntos porcentuais respecto de 2010. O 97,4% das empresas de 10 ou máis empregados con Internet conéctanse a través de tecnoloxía DSL. As outras conexións de banda larga fixa, como o cable, están presentes no 13,3%. O 40,7% das pemes e grandes empresas acceden a Internet mediante teléfono móbil 3G e o 38,2% mediante módem 3G nun computador (‘datacard’, módem USB ou módem integrado no propio equipo).

O 67,8% das empresas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet teñen contratada unha velocidade máxima de baixada entre 2 e 10 Mb/segundo. O 22% accede á Rede a velocidades contratadas iguais ou superiores aos 10 Mb/segundo e inferiores aos 30 Mb/segundo.

O 74,9% das pemes e grandes empresas utilizan algún tipo de software de código aberto. As organizacións de 10 ou máis empregados pertencentes ao sector de informática, telecomunicacións e audiovisuais son quen máis utilizan os sistemas operativos de código aberto.

A procura de información, a obtención de servizos bancarios e financeiros e a comunicación (correo electrónico, VoIP, etc.) son os servizos máis utilizados polas organizacións de 10 ou máis empregados con Internet, con porcentaxes do 96,8%, 91% e 90,2% respectivamente.

O 59,5% das entidades de 10 ou máis empregados facilitan a través da súa páxina web o acceso a catálogos de produtos ou a listas de prezos.

Segue a haber máis empresas que realizan compras por comercio electrónico que vendas. Un 23,3% de pemes e grandes empresas mercan por comercio electrónico fronte ao 12,1% das que venden empregando esta canle en 2010.

Máis da metade das grandes empresas ofrecen formación TIC aos seus empregados. No total das empresas de 10 ou máis traballadores a porcentaxe sitúase no 17,4%.

Máis do 62% das pemes e grandes empresas utilizan xa a sinatura dixital. O 96,8% das organizacións de 10 ou máis empregados que utiliza a sinatura dixital nalgunha comunicación enviada desde a súa empresa fíxoo para relacionarse coa Administración Pública. 

O 84% do total de empresas de 10 ou máis empregados interactúan coa Administración Pública por Internet. Esta cifra supón un incremento de case 14 puntos porcentuais respecto ao valor de 2009.

O 43% das empresas de 10 ou máis empregados envía facturas electrónicas aos seus clientes e provedores.Destas o 15,7% realizan o envío das mesmas empregando un formato estándar adecuadas para o procesamento automático permitindo o seu intercambio entre provedores e clientes vía operadores de servizo ou mediante sistemas bancarios electrónicos.

Os hoteis e axencias de viaxes son as que máis utilizan o comercio electrónico: máis dun 73% destas empresas realizan vendas a través de Internet. Esta cifra supón un incremento de case 10 puntos respecto ao dato do ano anterior. Polo lado das compras destaca cun 53,5% o sector de informática, telecomunicacións e audiovisuais.

O B2B representa o 89,4% das vendas o que supón un crecemento de 0,5 puntos porcentuais respecto de 2009. As operacións entre empresas e Administración Pública (B2G) representan un 1,9% do total.

O 89,6% das pemes e grandes empresas seguen políticas para reducir o consumo de enerxía nos equipos TIC, o 84,8% orientan as súas políticas ambientais cara á redución de papel (impreso ou fotocopiado) e o 35,1% incentivan o uso de reunións vía teléfono, web ou videoconferencias, evitando o desprazamento físico do persoal.


Microempresas

En 2011 destaca o importante incremento das microempresas con computadores e acceso a Internet. O 69,7% das microempresas dispoñen cando menos de un computador, 3,5 puntos porcentuais máis ca no ano anterior, e o 64,1% das microempresas conta con acceso a Internet, 6 puntos máis que en 2010.

A banda larga (fixa ou por telefonía móbil) segue a ser a modalidade de conexión prioritaria a Internet, con 2,6 puntos porcentuais máis respecto ao ano anterior: en 2011 é utilizada polo 96,8% das microempresas con Internet. Un incremento aínda superior maniféstase no acceso a Internet por telefonía móbil (xa sexa a través dun teléfono móbil 3G ou dun módem 3G). En apenas un ano, a conexión a Internet banda larga por telefonía móbil rexistra un incremento de 11 puntos, alcanzando ao 30% das microempresas.

O 73,1% das microempresas con conexión a Internet ten contratada unha velocidade máxima de 2 a 10 Mb/segundo mentres que o 19,3% contrata velocidades de 10 a 30 Mb/segundo.

Máis da metade das microempresas (o 51,4%) utiliza algún tipo de software de código aberto. A cifra elévase ao 75% das microempresas de actividades profesionais e ao 82,1% no sector TIC e servizos audiovisuais.

As microempresas con páxina web son pouco máis dunha cuarta parte das microempresas con Internet, concretamente o 25,9%, un punto máis que o ano anterior. Hoteis e axencias de viaxe superan esta media en máis de 40 puntos, alcanzando ao 67,6% das microempresas.

Entre as evolucións máis destacadas de 2010 atópase a interacción por Internet coa Administración Pública. O 62,5% das de microempresas con Internet interactuaron por esta vía coa Administración Pública, superando en 23 puntos porcentuais o valor de 2009, do 39,8%. A diferenza entre microempresas e a agrupación de pemes e grandes empresas acúrtase, situándose nos 22 puntos porcentuais, fronte aos 30 puntos do ano anterior.

O 30,9% das microempresas con conexión a Internet utilizou a sinatura dixital en xaneiro de 2011, o que se traduce nun incremento de catro puntos respecto ao ano anterior. Nove de cada dez microempresas utilizouna coas Administracións Públicas, e tres de cada dez con provedores e clientes.

Un 19,2% do total de microempresas enviaba en xaneiro de 2011 facturas en formato dixital ou factura electrónica.

A porcentaxe de microempresas que realizaron compras por comercio electrónico en 2010 sitúase no 11,7%, alcanzando un 15,6% no colectivo de microempresas de 3 a 9 empregados.

O peso do comercio electrónico na facturación de microempresas que venden por este medio é superior ao de pemes e grandes empresas

O comercio electrónico entre empresas (B2B) xera o 67,7% do volume total de vendas electrónicas do conxunto de microempresas españolas, pero o B2C vén gañando terreo, co 30%. A porcentaxe de vendas por comercio electrónico destinado ao cliente particular, B2C, aumenta comparado ao ano anterior: abarca ao 30% do total de vendas electrónicas de 2010, fronte ao 24,4% de 2009. As vendas á Administración Pública (B2G) representan o 2,3% do total.

O 76% do volume de negocio do comercio electrónico é xerado por catro sectores: TIC e servizos audiovisuais (22%), comercio almacenista (21,7%), hoteis e axencias de viaxe (17,5%) e actividades profesionais (15%).

Practicamente a metade das microempresas contempla algunha política ambiental, principalmente para o aforro de enerxía nos sistemas TIC e de papel. Concretamente, en xaneiro de 2011, case a metade das microempresas españolas (47%) contemplaba algún tipo de política para reducir o impacto ambiental xerado pola súa actividade. No caso das microempresas de maior tamaño, de 3 a 9 empregados, a cifra elévase ao 64,4%, moi próxima ao nivel de pemes e grandes empresas que ostentan un 76,9%.

Apenas 9,4% do total de microempresas conta aplicacións tecnolóxicas para reducir o consumo de enerxía no negocio, e un 12% das microempresas proporciona aos seus empregados / as facilidades para evitar traslados físicos, como o acceso remoto ao correo electrónico, a documentos de traballo e ás aplicacións da empresa.
'Tecnologías de la Información y las Comunicaciones en las PYMES y grandes empresas españolas'
'Tecnologías de la Información y las Comunicaciones en la microempresa española'

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades