A fenda dixital entre homes e mulleres reduciuse en España un 11% desde 2004

Logo osimga
Data
02/05/2011

Segundo o estudo “La inclusión digital de mujeres y hombres en España” a fenda dixital aberta entre mulleres e homes reduciuse un once por cento entre o ano 2004 e o ano 2009, non obstante o informe afirma que as usuarias seguen sendo un dez por cento menos que os homes e que España está cinco puntos por baixo da UE en igualdade de xénero no uso de Internet.
A fenda dixital de xénero entre as persoas que usan Internet de forma regular sitúase nun 14,8%, mentres que no conxunto da Unión Europea é do dez por cento. Neste sentido, obsérvase que nos estados membros do norte hai máis usuarias e menos fenda, e nos do sur hai menos usuarias e maior fenda. O país onde as mulleres e os homes fan un uso máis equiparable de internet é Finlandia, cunha diferenza de 0,9 por cento.
O estudo indica que persisten até tres fendas neste ámbito. A primeira, no acceso: as mulleres están 9,2 puntos por baixo dos homes. A segunda, refírese á intensidade de incorporación ás TIC e revela que elas se conectan un dez por cento menos frecuentemente que eles. Ademais, "non se están incorporando aos usos avanzados" porque as usuarias con Internet no móbil son a metade que os homes.
Os datos mostran que os homes tenden a facer un uso da Rede máis relacionado co lecer, o consumo e fins lúdicos, mentres que as mulleres optan por usos relacionados co emprego, a saúde ou a formación. O estudo destaca que mentres as mulleres inclínanse á realización de cursos en liña (un 16,5% máis que os homes) a información de educación ou formación (un 11,2% máis) ou a procura de emprego (17,2%), eles céntranse en descargar software (38,9% máis que as mulleres), xogar ou baixar xogos (19,8% máis), ou á venda de bens e servizos (44,4% máis).
Outro dos factores que segundo o estudo explican a fenda dixital é a idade, xa que canto maior é o tramo analizado "maior grao de exclusión relativa" das mulleres no acceso a internet, menor frecuencia e intensidade no uso, maior diferenza cos homes nas habilidades informáticas.
Distintas fendas
O estudo conclúe que a fenda dixital de xénero no acceso ás TIC persiste no Estado español reforzando a súa influencia negativa sobre a incorporación efectiva das mulleres e os homes á Sociedade da Información e a igualdade de xénero.
Aínda que o volume de poboación usuaria de Internet aumentou de forma considerábel nos últimos anos, a porcentaxe de mulleres internautas está aínda por detrás da correspondente aos homes (primeira fenda dixital).
Constátase tamén a existencia dunha segunda fenda dixital de xénero, sustentada na menor intensidade da incorporación feminina a Internet e que presenta significativas diferenzas nos usos que mulleres e homes fan das TIC. A análise da intensidade de uso do computador e Internet, puxo de manifesto, por unha banda, que existe unha importante diferenza entre quen os utilizan con regularidade e quen só son usuarias ou usuarios ocasionais.
En canto aos tipos de usos, a desproporción é especialmente patente no caso dos vinculados ao consumo e ao lecer, todos eles moito máis empregados polos homes que polas mulleres, fronte ao maior uso que estas fan de servizos relacionados co benestar social: emprego, saúde ou formación.
A idade presenta unha correlación positiva co crecemento das Fendas Dixitais de Xénero (FDX). Na primeira FDX apenas hai diferenzas de xénero entre os grupos máis novos, mais conforme a idade aumenta, tamén o fai o grao de exclusión relativa das mulleres.
O resultado final é que as mulleres españolas usuarias de novas tecnoloxías, teñen un menor nivel de e-inclusión, isto é, un menor grao de incorporación efectiva ás TIC, que os usuarios homes.
O estudo tamén conclúe que na Rede se están a transplantar as situacións de desigualdade derivadas dunha sociedade patriarcal e da división sexual do traballo. Ademais, confírmase a presenza dunha terceira fenda dixital de xénero que afecta as aplicacións que están á cabeza do desenvolvemento de Internet.
A mocidade
O “Estudio sobre la brecha digital de género en la juventud española” elaborado polo Observatorio e-igualdade e concentrado na fenda dixital entre 10 e 24 anos de idade, revela que as diferenzas entre xéneros reprodúcense tamén mesmo nas xeracións de 'nativos dixitais' xa que, aínda que até os 15 anos o uso do TIC é similar, a partir dos 16 elas tenden a descolgarse progresivamente.
En concreto, as maiores diverxencias aparecen nas habilidades e mentres as mozas destacan na educación e tratamento de imaxe e en programación, os mozos teñen case un once por cento máis de dominio nas follas de cálculo e na instalación ou xestión do software. En canto aos usos, reprodúcense as pautas da poboación xeral: eles inclínanse polo lecer e elas pola educación.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades