O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da información (ONTSI) publicou recentemente o informe "Los ciudadanos ante la e-Sanidad" no que se pretende coñecer as opinións, actitudes e usos dos cidadáns en relación á aplicación das TIC no ámbito sanitario e determinar os patróns de percepción e utilización actuais da poboación española a este respecto.
O informe está elaborado en base a unha enquisa realizada en xullo de 2011 a 5.500 persoas maiores de 16 anos, ademais a mostra estaba estratificado por Comunidade Autónoma, con cotas por sexo, idade e tamaño de hábitat.
En primeiro lugar menciónase o perfil tecnolóxico dos cidadáns: 89,3% teñen teléfono móbil; o 69,9% computador e o 66,4% accede a Internet. Sendo a procura de información (83,7 %) e o correo electrónico (66,3 %) os usos máis habituais da rede.
As principais fontes de información son os médicos (88,1%) e a continuación os farmaceúticos (62,3%). Tambíen, ambas son sinaladas como as fontes máis fiables: 8,4 e 7,4 sobre 10.
Respecto ao perfil dos internautas que buscan información sobre saúde na rede, o informe mostra que o 29,8% dos internautas (3.405 dos enquisados) buscou información sanitaria na rede na última semana e o 36,2% fíxoo no último mes.
Por comunidades autónomas, a comunidade con usuarios máis activos buscando información de saúde é Asturias (41,5%), seguida de Murcia e Aragón. A menos activa é o País Vasco, co 19,2 %. Galicia co 25%, colócase no terzo central de valores.
En canto ás barreiras de Internet como fonte de información sobre saúde, o 54,4% indica que a falta de fiabilidade da información consultada e o risco a unha mala interpretación da información obtida (28,7%) son os principais inconvenientes.
En canto ao tipo de información sobre saúde buscada en Internet, o 40% indica que enfermidades e despois o 32,8 sobre nutrición, alimentación e estilos de vida saudables.
En canto ás ferramentas e aplicacións da e-sanidade, os datos por CCAA mostran que Galicia é a comunidade cun maior nivel de coñecemento da receita electrónica (82,9%), dez puntos máis que a seguinte, Baleares co 73%. Tamén é a comunidade na os internautas teñen o grao máis alto de coñecemento do sistema de cita previa por Internet (75,3%), séguelle Andalucia co (65,6%). Por último, Galicia está entre as cinco CCAA nas que o coñecemento da historia clínica electrónica supera o 80% e da teleasistencia (70,6%).
Outra das variables presentadas no informe por CCAA é o grao de uso, na que Galicia é onde máis internautas enquisados usaron Internet para pedir cita previa ao médico de familia ou pediatra. Así como a segunda en cita previa a especialistas e en cita para modificar os datos da tarxeta sanitaria.
Finalmente, os datos mostran unha opinión xeralizada positiva cara ao uso das novas canles de comunicación (correo electrónico, Webs, blogs, etc.) por parte dos profesionais médicos para mellorar a comunicación entre médico-paciente.
Para o 71,9 % sería interesante que o médico xestionase un blog ou páxina web con consellos e información sobre saúde e no 72,8 % das ocasións desexaríase que o médico recomendase recursos en Internet nos que consultar información sanitaria (páxinas Web, foros, etc.).
Ademais, o 12,8% dos internautas (3,8 % da poboación) utiliza as redes sociais para temas relacionados coa saúde, sendo as máis usadas: Wikipedia, Facebook, YouTube e Twitter. O 36,6 % dos usuarios de redes sociais deposita bastante ou moita confianza nestas como fonte de información sanitaria e o 26,1 % utilízaas para coñecer e compartir experiencias sobre un determinado problema de saúde.
Informe "Los ciudadanos ante la e- Sanidad"
Presentación "Los ciudadanos ante la e- Sanidad"