Galicia mellora no índice de converxencia da sociedade da información nas Comunidades autónomas

Galicia mellora no índice de converxencia da sociedade da información nas Comunidades autónomas
Data
20/07/2011

O desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia comparte moitos dos problemas que teñen outras comunidades do Estado español con forte compoñente rural. A pesar diso conseguiu certo achegamento ás Comunidades autónomas máis desenvolvidas no ámbito das TIC. Así o reflicte o Informe anual eEspaña 2010 da Fundación Orange, que utiliza datos procedentes de distintas fontes –INE 2010 principalmente- para elaborar un índice que mide a converxencia no nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información entre as CCAA e entre os estados europeos (UE 27 + Noruega).
A Fundación Orange identifica o principal punto forte da Sociedade da Información en Galicia no uso da Administración electrónica por parte da cidadanía. Outras áreas de mellora, segundo o informe, son o acceso ás TIC por parte dos cidadáns e a informatización da empresa galega.
Galicia atópase por baixo da media europea en 18 indicadores do Índice de Converxencia de Sociedade da Información nas Comunidades Autónomas (ICSI), e por baixo da media estatal en 23. Non obstante, a Fundación Orange valora que o PEGSI 2007-2010 e o Plan Director de Banda Larga de Galicia posibilitaron que Galicia sexa a comunidade que máis medrou durante 2010 en indicadores como o acceso a Internet e a banda larga nos fogares.
A análise do Índice de Converxencia de Sociedade da Información nas Comunidades Autónomas (ICSI) presenta nesta ocasión un mapa máis converxente, xa que se reducen as distancias, concretamente en catro puntos, entre a primeira CC AA, Madrid, e a última, Estremadura.

Comparando os indicadores empregados para construír o ICSI 2011 cos datos da UE, non existe ningunha comunidade autónoma que estea significativamente por riba da media europea. Madrid, que é a comunidade cunha Sociedade da Información máis desenvolvida, está por baixo da media da UE en 11 dos 28 indicadores. De feito, en nove dos 28 indicadores todas as CCAA., sen excepción, están por baixo da media europea.

No índice de converxencia eEspaña 2011, o Estado español no seu conxunto, con 65 puntos, obtén a décimo sétima posición do ranking que mide o desenvolvemento da Sociedade da Información, a un punto da media europea (UE+Noruega). Suecia, Finlandia, Dinamarca e Noruega obteñen as primeiras posicións e constatan o dominio dos países nórdicos na Sociedade da Información europea.
Empresas
No ámbito empresarial, España é líder europeo en acceso de empresas de 10 ou máis empregados/as a través de banda larga, sumando fixa e móbil (practicamente o 100%). Este dato cae a só una de cada catro nas empresas de menos de 10 empregados, a grande maioría das empresas españolas, e que son, precisamente, as que reportan os datos inferiores en distintas variables.

Na comparativa de comercio electrónico, as empresas españolas de 10 ou máis empregados atópanse por baixo da UE, tanto en venda como en compra, aínda que en 2010 no comercio electrónico interior en España produciuse un incremento do valor medio monetario de cada transacción.
Administración electrónica
No ámbito da eAdministración, España mostra un importante nivel de desenvolvemento dos servizos de eAdministración, e o terceiro posto no índice eParticipación ou o noveno no ranking E-Government Survey, ambos os dous da ONU, así o testemuñan. Con todo, a pesar deste notable desenvolvemento, a utilización dos servizos non experimenta un avance tan significativo. Así, por exemplo, mentres que máis dunha cuarta parte dos cidadáns e case a metade das empresas dispoñen de certificado de identidade dixital mediante sinatura electrónica, a súa taxa de utilización é practicamente residual. Como exemplo, máis do 27% da poboación dispón xa de DNI electrónico, mais apenas o 4,7% destes usuarios fan un uso efectivo do mesmo.
O Informe eEspaña 2011 presenta ademais a quinta vaga do estudo comparativo realizado sobre a dispoñibilidade dos servizos públicos en liña nas Comunidades Autónomas españolas. Dos 26 servizos públicos analizados en 2011, reflíctese unha dispoñibilidade media do 78%, un punto por riba da media global da medición realizada en 2010. Esta quinta vaga modificou parcialmente o seu ámbito de medición, substituíndo por outros novos os catro servizos públicos que acadaron nestes últimos anos unha media de dispoñibilidade superior ao 95%.

No ranking dos CCAA, Asturias e Madrid comparten de novo a primeira posición, alcanzando nesta ocasión un 98% de dispoñibilidade nos servizos analizados. A continuación sitúanse Andalucía e Navarra. A Rioxa é a Comunidade que máis medra con respecto ao anterior estudo e alcanza a quinta posición.

En canto aos 26 servizos analizados, o máis desenvolvido é Oferta de Emprego Público, que obtén un 93% de dispoñibilidade, seguido de Procura de Emprego Privado.
Cidadáns
Desde a perspectiva de diversidade (idade, xénero, nivel de renda) o informe da Fundación Orange destaca algúns aspectos negativos como a fenda dixital de xénero, que se incrementa a medida que se ascende na pirámide de idade ou a medida que se avanza cara a usos máis intensos ou sofisticados. Así mesmo, aínda que o colectivo de maiores segue incorporándose na adopción das TIC, este crecemento non é suficiente para lograr a converxencia co resto de Europa. Neste sentido, o informe indica que a variable da renda é o factor máis determinante. De feito o uso de Internet entre as persoas de maior renda practicamente triplica a taxa de utilización do colectivo menos favorecido economicamente.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades