O Observatorio da Accesibilidade Universal dos Municipios posto en marcha pola Fundación ONCE vén de revelar que o 51% das páxinas web dos concellos teñen unha accesibilidade deficiente ou moi deficiente e un 11% identifícase como 'sitios web completamente inaccesíbeis'. Este estudo, que conta coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), analiza setenta portais doutros tantos municipios do Estado que obteñen unha puntuación media de 6,49 sobre 10, que no sistema de estrelas utilizado correspóndese con dúas, e equivale a un nivel de 'accesibilidade deficiente'.
O estudo mide o grao de accesibilidade con estrelas, e o 11% dos municipios non consegue ningunha ao obter puntuacións entre 0 e 4,99, polo que as súas paginas web considéranse 'completamente inaccesibles'.
O 35% dos sitios web analizados logra unha puntuación superior a 7 que os sitúa en accesibilidade moderada (tres estrelas) e bo nivel de accesibilidade (catro estrelas) aínda que ningún consegue as cinco estrelas que os definen como 'excelente'.
A páxina que obtén mellor puntuación é a do Concello de Zaragoza, que entra na categoría de 'bo nivel de accesibilidade', por diante das webs de Pamplona, Madrid, Guadalaxara, Villaquilambre (León), Bilbao, Alacante, Oviedo, Ceuta e Eibar (Guipúzcoa), que alcanzan as catro estrelas. A estas séguenlle con tres estrelas e a cualificación de accesibilidade 'moderada' as páxinas da Coruña, Soria, Cartaxena (Murcia), Vitoria, Marchena (Sevilla), Málaga, San Sebastián, Sevilla ou Badaxoz.
No estudo tómanse en consideración até doce criterios entre os que se atopan o multinavegador, accesibilidade en formularios, imaxes, marcados de estrutura, separación entre presentación e contido, cor, táboas de datos e documentos PDF, entre outros.