Máis do 97 % das Pemes utiliza a Rede nos seus procesos de negocio

Máis do 97 % das Pemes utiliza a Rede nos seus procesos de negocio
Data
21/02/2012

O informe ePyme, na súa cuarta edición, foi realizado partindo da información recompilada a partir das máis de 2.000 enquisas realizadas a PEMEs do conxunto do Estado dedicadas a nove sectores económicos que representan o 40% do PIB (loxístico, transporte, hostaleiro, turismo rural, comercio polo miúdo, agroalimentario, artesanía, instaladores de telecomunicacións e, por primeira vez, enxeñaría de consulta), tomando unha mostra proporcional ao universo de empresas existentes.

Segundo recolle o informe realizado por Fundetec e a Dirección Xeral de Industria e da PEME, en 2011 o computador (portátil ou de sobremesa) alcanza unha penetración do 100% en cinco dos sectores analizados (agroalimentario, hostaleiro, comercio polo miúdo, instaladores TIC e enxeñaría de consulta), mentres que no resto supera o 95%.

As porcentaxes descenden no caso das microempresas de menos de 10 empregados, situándose no 66,2% en canto a dispoñibilidade de computador e no 58,1% en uso de Internet. Existe unha clara diferenza entre as microempresas de 0 a 2 empregados, onde a penetración do PC é do 62%, e as de 3 a 9 traballadores/as, cunha porcentaxe moi semellante ao da PEME (91,8%). No entanto, é salientable que mesmo os sectores analizados con maior proporción de microempresas (transporte, artesanía, turismo, instaladores TIC e comercio polo miúdo) sitúanse moi por riba da media estatal de microempresas.

As porcentaxes de dispoñibilidade de equipamento tecnolóxico básico son moi semellantes ás do ano anterior, mais hai avances no sector comercio polo miúdo. Así, mentres hai dous anos o computador estaba presente en case un 70 por cento das empresas, agora utilízase na totalidade dos establecementos, e a conexión a Internet pasou do 55,8% en 2009 ao 86,6% en 2011.

Mercadotecnia e comercialización

O 64% das PEMEs e o 25% das microempresas dispoñen de páxina web corporativa, rexistrando un crecemento interanual do 3% e o 5%, respectivamente, e en catro dos sectores analizados (hostaleiro, loxístico, agroalimentario e enxeñaría) a súa penetración supera o 90%, mostrando a progresiva confianza das empresas nesta ferramenta como parte da súa estratexia de mercadotecnia e comercialización.

O informe destaca o uso das redes sociais no caso das empresas hostaleiras e de turismo rural (por riba do 50%), aínda que segue a ser minoritario no resto, especialmente no transporte (8,6%).

No segmento empresarial que máis utiliza o comercio electrónico (empresas de 50 a 249 empregados) apenas chega a tres de cada dez empresas no caso das compras e a unha de cada cinco en canto a vendas. A medida que se reduce o número de empregados descende tamén o uso do comercio electrónico, sendo de novo o sector hostaleiro e o turismo rural os que máis o utilizan (o 91% e o 82,7% das empresas que dispoñen de conexión a Internet, respectivamente), e o agroalimentario e o comercio polo miúdo, os que menos (o 21% e o 53% das empresas con conexión, respectivamente).

Usos e aplicacións

O uso dos trámites telemáticos para relacionarse coa Administración Pública avanza en 2011, aínda que novamente hai unha grande diferenza entre as empresas de máis de 50 empregados (nove de cada dez son usuarias da eAdministración) e as de menos de 3, dado que estas tenden a externalizar en xestorías os seus procedementos administrativos. A media estatal de uso da Administración electrónica é do 70,1% para a PEME e do 39,8% para as microempresas. Por sectores, os máis activos son o loxístico, o agroalimentario, a enxeñaría de consulta e o instaladores TIC, todos eles por riba do 70%; no lado oposto sitúanse o comercio polo miúdo, a artesanía e o turismo rural, todos por baixo do 36%.

En canto ás aplicacións informáticas máis utilizadas pola PEME, en primeiro lugar seguen estando as ofimáticas, seguidas das de facturación e contabilidade. No tres casos, os sectores tecnoloxicamente máis maduros (hostaleiro, loxístico e instaladores TIC) presentan unha porcentaxe de uso moi elevado (por riba do 92% en ofimática, do 79% en facturación e do 68% en contabilidade), mentres que nos que se sitúan nun nivel máis inicial, como o comercio polo miúdo, o seu uso avanza de forma notable, con crecementos en dous anos de 30 puntos en ofimática (87%), de 26 puntos en facturación (65,5%) e de 17 puntos en contabilidade (56,5%).

O informe conclúe que a desaparición de moitas empresas, as dificultades de financiamento e a redución do gasto, provocadas por un difícil ano de crise, supuxeron un freo ao avance das TIC en 2011. O informe recomenda que a Administración Pública manteña o seu papel tractor á hora de esixir a determinados sectores o carácter telemático das súas interaccións, así como contribuír, a través de axudas e subvencións, ao financiamento dos investimentos TIC e á capacitación tecnolóxica da PEME, prestando unha atención especial ás microempresas de 0 a 2 empregados.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades