Seis de cada 10 internautas do conxunto de España acceden a Internet a través dun dispositivo móbil e o 55% úsano para consultar as redes sociais. Un 25% máis que en en 2010. Así o afirma a 4ª Vaga do Observartorio de Redes Sociais da consultora española The Cocktail Analysis. O estudo revela tamén un forte rexeitamento ao denominado “social e-commerce” por parte dos usuarios.
O estudo, que toma unha mostra de 1.304 internautas de entre 16 e 45 anos, afirma que tras a consolidación ocorrida hai un ano, nesta vaga chegouse á práctica universalización das redes sociais, cun 91% da poboación internauta española con contas activas, e cunha media de 2,31 redes por individuo. Esta situación compleméntase co aínda moi baixo abandono. O acceso a redes sociais en mobilidade estendeuse por mor da maior presenza de Smartphone: seis de cada 10 internautas do conxunto de España acceden a Internet a través dun dispositivo móbil e o 55% úsano para consultar redes sociais. Un 25% máis que en en 2010.
Facebook, continúa en primeira posición, e xa alcanza ao 85% da mostra, un 7% máis que en 2010. O usuario valora o servizo de Facebook e existe unha baixa taxa de abandono, aínda que se lle achaca certa falta de frescura e critícase, cada vez máis, a dificultade de xestionar a privacidade.
A continuación, a rede española Tuenti, é a segunda rede social máis utilizada polas persoas entrevistadas, alcanzando o 36%, un 1% máis que en en 2010. Tuenti, a rede preferida pola mocidade, sofre certo estancamento.
No último ano Twitter experimentou o maior crecemento, logrando consolidar a súa popularidade entre os usuarios do estado español e xa alcanza ao 32%, fronte ao 14% que logrou en 2010. Segundo o informe, o éxito de Twitter débese á grande cantidade de personaxes famosos que a usan e á chegada masiva de mozos que seguiron os pasos dos seus ídolos.
Outras plataformas sociais (Google+, Instagram, Tumblr) mostran unha presenza incipiente, dado que aínda o seu posicionamento non é sólido, e responden a motivacións e intereses dalgúns segmentos. O caso de Google+ (cun 16% de penetración) resulta máis ambivalente, xa que aínda que xerou grande notoriedade, os que se achegaron non están a atopar motivos claros de uso desta proposta.
O estudo conclúe que os usuarios rexeitan o uso abusivo dos datos persoais por parte das redes sociais, a presenza excesiva das marcas, un ton de comunicación non adecuado, e tampouco consideran as redes como punto de contacto preferente para a relación coas marcas (xa sexa como centro de atención ao cliente, de información ou de compra). Obsérvase un forte rexeitamento ao ‘social e-commerce’.
4ª Vaga do "Observatorio de Redes Sociales"