Medra o uso das tecnoloxías de mobilidade nas Pemes cun incremento interanual do 12,4%

Medra o uso das tecnoloxías de mobilidade nas Pemes cun incremento interanual do 12,4%
Data
21/03/2012

Fundetec e a Dirección Xeral de Industria e da PEME (DGIPYME) presentaron hoxe en Madrid o “Especial Tecnologías de Movilidad”, publicación anexa ao ‘Informe ePyme 2011’, que analiza a dispoñibilidade e uso das diferentes tecnoloxías e servizos baseados en mobilidade por parte das PEMEs dos sectores loxístico, hostaleiro, turismo rural, comercio polo miúdo, artesanía, agroalimentario, instaladores de telecomunicacións e enxeñaría de consulta.
 
Segundo este informe, o 48% das PEMEs españolas utilizaba tecnoloxías de mobilidade en 2011 “para optimizar os seus procesos empresariais e mellorar a súa competitividade”, rexistrando un crecemento interanual do 12,4%, con incrementos máis ou menos notables dependendo de cada sector.
 
O informe afirma que son os sectores máis tecnificados os que presentan un maior uso de aplicacións móbiles, sendo o máis avanzado o sector loxístico, cun 95% de empregados que dispoñen de ferramentas de mobilidade, seguido do sector agroalimentario (77%), os instaladores de telecomunicacións (75%) e a enxeñaría de consulta (74%). A excepción é o sector hostaleiro, que a pesar de ser o segundo máis tecnolóxico segundo o ‘Informe ePyme 2011’ non destaca nesta área pola escasa mobilidade dos seus empregados, di o informe.
 
O estudo identifica a dispoñibilidade e uso de diferentes dispositivos móbiles: teléfono móbil básico, móbil con conexión a Internet, teléfono intelixente ou smartphone, notebook (pequeno computador portátil) e tablet PC (portátil que permite tomar notas sobre a pantalla). Novamente, os móbiles con maiores funcionalidades concéntranse no sector loxístico, onde o smartphone alcanzou unha penetración do 94%, rexistrando un crecemento do 49% nun ano, o maior de todos os sectores. No entanto, o uso deste dispositivo é o que máis medrou en 2011 en todos os sectores.
 
A presenza do notebook é máis minoritaria, aínda que tamén medrou moi notablemente no sector loxístico, situándose no 75% de penetración, un 55% máis que en 2010. O resto de sectores sitúanse por baixo do 37%, porcentaxe que corresponde aos instaladores de telecomunicacións. Menor é a penetración do tablet PC, cuxo máxima porcentaxe corresponde de novo ao sector loxístico (un 38%, 23 puntos máis que en 2010), mentres que no resto non supera o 23%, que corresponde ao sector agroalimentario.
 
O sector loxístico é, unha vez máis, o que presenta maior integración de sistemas corporativos (o 79%), seguido a certa distancia da enxeñaría de consulta (51%) os instaladores de telecomunicacións (49%) e o sector agroalimentario (48%).

O portátil é, a moita distancia, o dispositivo preferido da PEME para o acceso aos sistemas corporativos, para realizar operacións comerciais ou procesos empresariais, consulta de stocks, elaboración de ofertas e orzamentos, realización de pedidos, consulta de saldos financeiros de clientes, confirmación de procesos loxísticos ou traspaso de información interna.
 
Para outros usos, como o acceso a Internet, a consulta de información xeral e o correo electrónico, o portátil segue a ser o de maior aplicación, aínda que o smartphone vaille pisando os talóns nos sectores máis tecnificados (loxístico, instaladores TIC, hostaleiro, enxeñaría e agroalimentario); e se falamos da mensaxaría instantánea, mesmo chega a superalo no caso concreto do sector loxístico.
 
O informe mostra que mentres que para o sector loxístico, o agroalimentario ou o comercio polo miúdo prima a seguridade, para a artesanía é máis importante a facilidade no acceso a Internet. O acceso remoto á información corporativa é a esixencia principal para o sector hostaleiro ou o turismo rural. O factor prezo sitúase en segunda ou terceira posición en importancia para todos os sectores, e é a principal barreira que citan como inhibidor dun maior uso das tecnoloxías de mobilidade. Cara o futuro, as pemes analizadas coinciden novamente en demandar prezos máis baixos tanto de dispositivos como de servizos de datos, ademais de maior velocidade de transmisión de datos e novas aplicacións adaptadas ao negocio.
 

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades