Datos de penetración e evolución.
2010 aparece como un ano de consolidación e lixeiro crecemento cun 85% de usuarios de redes sociais (81% en 2009) e cunha considerable estabilidade no número medio de contas activas, con 2 contas en redes sociais por usuario.
Entre o conxunto de poboación internauta, Facebook sitúase como a rede máis popular (e case universal en determinados tramos de idade) cun 78% de penetración (usuarios con conta activa).
Tuenti con 35% de penetración vive un momento de afianzamento, mentres Twitter despega desde o 9% (2.009) até un 14% de internautas usuarios desta rede de microblogging.
Doutra banda, continúan nunha dinámica negativa Hi5, Myspace e Fotolog coas maiores taxas de abandono de redes (por encima do 20% e por terceiro ano consecutivo en dinámica de perda de usuarios).
Un 45% dos internautas participa nalgunha rede/comunidade de temática específica. Entre as máis destacadas están as de temáticas relacionadas con disciplinas formativas ou profesionais (entre as que atopamos unha gran dispersión), e as de afeccións: deporte, lecer e música.
Entre os outros servizos de comunicación en liña, destaca Messenger como líder outro ano consecutivo das ferramentas de mensaxería instantánea, cun 69% de penetración. De Messenger cabe destacar que o 90% dos usuarios que teñen conta e úsana, téñena desde fai máis de tres anos.
Usos máis habituais.
En Facebook e Tuenti as actividades máis frecuentes teñen que ver coa comunicación cos contactos. En segundo lugar “ver fotos e perfís doutros usuarios, rexoubar”, sendo en Tuenti máis intensiva.
Cando accede a través do móbil o usuario tende a ser “pasivo” (ver e ler), aínda que en Tuenti mostran algo máis de actividade (un 36% declaran acceder tanto para publicar como para ver/ler publicacións).
En Twitter o usuario céntrase máis en seguir a actividade dos contactos (a metade dos usuarios fano con frecuencia) e só un terzo din publicar con frecuencia.
O abandono das redes sociais.
4 de cada 10 contas abertas en redes sociais son contas inactivas: ou pecharon ou, aínda que se manteñen abertas, deixaron de usarse. Á marxe das redes que mostran un certo esgotamento (Xing, Fotolog, Hi5, Sónico, Badoo e MySpace), as redes / plataformas que máis se abandonaron son Twitter e LinkedIn: con todo, existe unha alta disposición a reabrir as contas nestas redes e son máis os usuarios que se incorporan por vez primeira a elas. Entre os motivos de abandono xerais destacan:
- As contas zombis: contas que se abren e sen experiencia coas mesmas, péchanse, sen chegar a probarse. Da totalidade de redes que sofren abandono hai unha alta proporción de usuarios que declaran abrir a conta e non utilizala nunca.
- O efecto masa crítica: ausencia de amigos/contactos que usen esa rede.
- A falta de utilidade percibida que deriva no abandono.
- As redes sociais en mobilidade e a reconfiguración dos usos.
Mobilidade
4 de cada 10 internautas enquisados usan internet no móbil polo menos unha vez ao mes (con máis frecuencia entre homes e as idades máis novas).
O acceso a redes sociais a través do móbil converteuse nun dos principais usos de Internet móbil: un 73% dos usuarios de Internet Móbil consultan redes sociais por esta vía. É máis, o acceso diario a redes sociais en mobilidade, dispárase do 9% que accedía diariamente ao 29% nesta edición do estudo. Facebook é a rede social que presenta un maior acceso en mobilidade: aínda que, relativizando este dato ao total de usuarios de cada rede social, Twitter é a que mostra unha taxa de mobilidade máis elevada, é dicir, do total de usuarios de Twitter un 40% acceden vía Internet móbil.
En canto ás funcionalidades máis novas, 3 de cada 10 usuarios de Internet en mobilidade di utilizar algún servizo de xeolocalización.
Saturación: orientación ao contido.
No cualitativo, a interacción en redes sociais vén caracterizada por unha serie de atributos (é unha interacción “fácil”, esixe escaso esforzo ao usuario...) que determinan a paradigma da hiper-comunicación, é dicir, unha comunicación máis intensa e máis extensa: + Tende a substituírse o uso do teléfono móbil, fixo, email e mensaxería instantánea polo uso da rede social. + Xéranse novas necesidades, racionais ou non, de comunicación... + Aparecen máis oportunidades para contar/publicar cousas + Séguese de forma cómoda as publicacións dos contactos + Ábrese cada vez máis o abano de tipos de contactos e áreas de contidos, entrando o consumo e as marcas. Esta hiper-comunicación ten dúas consecuencias:
- Xérase nalgúns usuarios certa incomodidade por un uso excesivo ou pouco xustificado.
- Convértese en algo común e pouco diferenciado: o escenario está “cargado de conversacións, temas, actores” e custa diferenciarse.
Todo iso desemboca en que a sociabilidade per se, orixe e eixo das redes sociais, esgótase e prodúcese a apertura cara aos contidos, estes xustifican o acceso a redes, aparecendo unha pauta de acceso máis práctica e operativa, onde a motivación vai alén da sociabilidade en si mesma.
Fenómenos emerxentes.
- Revisión de contactos: Trala agregación masiva de contactos propia do momento de explosión das redes sociais, exponse unha revisión, bloqueo e eliminación dos contactos “non desexados”. A cantidade de contactos xa non é o obxectivo, valórase máis a calidade e interese que espertan os mesmos, no seu rol de audiencia do propio usuario e de emisores de información.
- Xestión da privacidade: De forma consciente e activa, a través das posibilidades das propias plataformas: grupos pechados, envío de mensaxes privadas, uso do 'chat'.
- De forma máis sutil e inconsciente: limitando a publicación de contidos e fotos, con linguaxe pouco explícita (só descifrable por algúns contactos)
- Selección e 'Back to basics': Selecciónase a rede na que interactuar en función do contacto ou o obxecto de conversación. E tamén se está a redirixir a interacción a outras canles, que se viven máis próximas en termos emocionais e máis privados, como a mensaxería instantánea ou o correo electrónico.
- Abandono da rede: No extremo, o carácter que adoptan as relacións e o baixo valor que se outorga á comunicación a través das redes sociais chega a desembocar no abandono das mesmas.
Esta terceira vaga do Observatorio realizou 1.793 enquisas a internautas e levou a cabo 8 grupos de discusión.