Tres de cada catro europeos recoñecen que a revelación de datos persoais é un acto que forma parte da vida cotiá. Non obstante, preocúpalles o uso que as empresas “incluídos os motores de procura e as redes sociais” fan desa información. Tales son as principais conclusións dunha nova enquisa do Eurobarómetro publicada pola Comisión Europea sobre as actitudes cara á protección de datos e a identidade electrónica.
O informe da Comisión Europea pon de manifesto que un 62 % dos cidadáns da Unión Europea facilita a información mínima que se lle require a fin de protexer a súa identidade, mentres que o 75% deles queren poder borrar os seus datos persoais en liña sempre que o desexen: o chamado «dereito a ser esquecido».
A enquisa pon de manifesto que un 60 % dos europeos que usan Internet (un 40 % do número total de cidadáns da UE) compran ou venden artigos en liña e utilizan as redes sociais. Neses sitios, os cidadáns revelan datos persoais que inclúen información biográfica (case un 90 %), información social (case un 50 %) e información delicada (case un 10 %). Un 70 % dos enquisados sinala a súa preocupación sobre o uso que as empresas fan deses datos e considera que, no mellor dos casos, só controla parcialmente a súa propia información. O 74 % desexa que o seu consentimento expreso sexa un requisito previo á obtención e o procesamiento deses datos en Internet.
O principio básico das normas de protección de datos da UE é a necesidade de que os usuarios outorguen o seu consentimento previo á utilización dos seus datos. Ademais, esa información non pode ser transmitida a terceiros sen a autorización do usuario e non pode ser utilizada polas empresas con fins distintos dos acordados.
Os motivos máis frecuentes de preocupación son a fraude relacionada coas compras en liña (mencionado polo 55 % dos enquisados), a utilización da información nas redes sociais sen o coñecemento dos seus donos (44 %), e a transmisión de datos a terceiros por parte das empresas sen a autorización dos seus donos (43 %).
No que respecta á protección de datos persoais, os cidadáns teñen máis confianza nos organismos públicos como hospitais (78 %), administracións públicas (70 %) e institucións da UE (55 %) que nas empresas privadas como tendas (39 %), provedores de Internet (32 %) e servizos en liña (22 %).
Un 42 % dos participantes na enquisa utilizan as ferramentas e estratexias existentes para limitar o número de mensaxes electrónicas non desexadas, e un 23 % deles modifican os parámetros de seguridade do seu navegador. Isto significa que, cando non existen as ferramentas adecuadas ou cando estas non son fáciles de usar, os cidadáns parecen pouco inclinados a ocuparse debidamente dos seus datos de identidade persoais.
Un 58 % dos usuarios de Internet len as declaracións de privacidade publicadas en liña, pero non todos eles entenden o seu contido. De forma global, un 62 % dos usuarios non comprende, non le, non consegue atopar ou non ten en conta esas declaracións de privacidade. Os usuarios que si as len adoptan actitudes máis cautelosas respecto dos seus datos. A Comisión afirma que un dos obxectivos principais da reforma da protección de datos é endurecer as normas de forma que os provedores aumenten a transparencia do funcionamento dos seus servizos (que datos recóllense e procesan, con que fins, onde e como se almacenan) e garantan a implantación das medidas de seguridade apropiadas.
Por último, a enquisa pon de manifesto marcadas diferenzas de actitude ante a revelación de información persoal entre os máis novos, que teñen menos reparos á hora de revelar os seus datos, e os maiores, máis celosos da súa intimidade.
Os resultados desta enquisa aparecen xusto cando a Comisión se prepara para acometer unha reforma das normas de protección de datos da UE (ver os documentos IP/10/1462) e SPEECH/11/183), co obxectivo de protexer os datos persoais en todos os ámbitos de intervención, incluído a orde pública, reducindo ao mesmo tempo os trámites administrativos das empresas e garantindo a libre circulación de datos na UE. A Comisión utilizará a revisión desa política, xunto cos resultados dunha consulta pública, para modificar a Directiva sobre protección de datos (95/46/CE) da UE de 1995. A enquisa reflicte así mesmo un forte apoio á intervención da UE: un 90 % dos enquisados desexan que os dereitos de protección de datos sexan iguais en toda Europa.
O dereito á protección dos datos persoais recoñécese explicitamente no artigo 8 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE e no Tratado de Lisboa. O Tratado ofrece unha base xurídica para as normas sobre protección de datos en todas as actividades que, en virtude do artigo 16, recaen no ámbito lexislativo da UE (Tratado de Funcionamento da Unión Europea).
A enquisa do Eurobarómetro sobre a protección de datos e a identidade electrónica na Unión Europea responde a un encargo dos departamentos de Xustiza, Sociedade da Información e Medios de Comunicación da Comisión e do seu Centro Común de Investigación; o departamento de Comunicación coordinou as actividades.