O 90% dos internautas da UE prefiren as páxinas web no seus idiomas propios

Logo osimga
Data
18/05/2011

A enquisa mostra que, mentres que o 90 % dos internautas da Unión Europea prefiren as páxinas web no seus idiomas propios, máis da metade (55 %) utiliza ocasionalmente unha lingua diferente. De media, un de cada dous usuarios de Internet utiliza unha lingua distinta á materna para ler en liña, aínda que as cifras varían moito dun estado a outro: entre o 90 e 93 % dos gregos, eslovenos, luxemburgueses, malteses e chipriotas empregaría outros idiomas, pero apenas o faría o 9 % dos británicos, o 11 % dos irlandeses, o 23 % dos checos e o 25 % dos italianos.
O estudo confirma que o inglés é a lingua máis utilizada á hora de ler ou ver contidos en Internet noutro idioma distinto ao materno. Perto da metade dos internautas úsao (48 %), cando menos ocasionalmente, mentres que o español, alemán ou o francés apenas son empregados por entre un 4 e un 6 % dos usuarios.
A maioría dos europeos que navega por Internet enfróntanse á situación de ter que usar outra lingua cando procuran información (81 %), mais tamén cando se relacionan con amigos (62 %) ou por razóns profesionais (52 %).
Por outra banda, á hora de facer compras por Internet os europeos decántanse claramente por utilizar o seu propio idioma, xa que só o 18 % emprega de forma habitual outra lingua e o 42 % afirma que nunca usaría outra que non fose a materna para realizar esa actividade.
Para a Comisión Europea, estes resultados reflicten a necesidade de investir en ferramentas de tradución en liña a fin de que os internautas europeos non se perdan as vantaxes de atopar información ou mercar en Internet por falta de capacidades lingüísticas.
Actualmente, a Comisión Europea xestiona 30 proxectos diferentes de investigación sobre linguas no mundo dixital aos que até agora achegou 67 millóns de euros, en tanto que os que sexan presentados este ano contarán con 50 millóns máis. O programa iTranslate4, por exemplo -ao que a CE contribúe con 2 millóns de euros- está a desenvolver un portal de tradución gratuíta a máis de 50 idiomas e que permite comparar simultaneamente os resultados que ofrecen as ferramentas de tradución máis habituais en Internet.
O Eurobarómetro realizouse o pasado xaneiro a 13.500 internautas europeos, uns 500 por país.

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades