O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de publicar a súa análise sobre os datos procedentes da enquisa ás empresas do Instituto Nacional de Estatística (INE).
O estudo destaca que perto do 100% das grandes empresas xa dispoñen de ordenador, conexión a Internet e correo electrónico. En canto ás microempresas, o informe destaca que 2 de cada 3 teñen teléfono móbil e ordenador no primeiro trimestre de 2010.
Análise do tecido empresarial
Se observamos a distribución de empresas no conxunto do Estado, advertimos que catro Comunidades Autónomas concentran o 59,7% das case 3,3 millóns de empresas existentes: Cataluña (18,5%), Madrid (15,3%), Andalucía (15,1%) e Valencia (10,7%). Séguenlles, agrupando entre o 5% e o 6% das empresas, Galicia (6%), País Vasco (5,2%) e Castela e León (5,1%). O resto de Comunidades atópase por baixo do 5%.
Segundo os datos Dirce 2010, Galicia conta con 198.874 empresas, das que apenas 8.993 son pemes ou grandes empresas que dispoñen de máis de 10 empregados. As 189.881 empresas restantes son microempresas. Estas cifras poñen de relevo a importancia de analizar polo miúdo os datos de contexto no segmento maioritario do tecido empresarial: as microempresas do conxunto do Estado. Ademais pola súa natureza e polo seu inferior volume de negocio as microempresas son as que máis problemas presentan para a implantación das TIC.
Infraestrutura e conectividade das microempresas
Os terminais TIC máis estendidos nas microempresas do conxunto do Estado son o teléfono móbil e o ordenador, dispoñíbeis en 2 de cada 3 microempresas no primeiro trimestre de 2010.
En tres dos once sectores analizados máis do 90% das microempresas dispón de computador: sectores financeiro, actividades profesionais e no de informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais.
Internet mostra un lixeiro crecemento nas microempresas: o 58,1% accede á Rede, 2 puntos máis que o ano anterior, desta maneira acumula 5 puntos de crecemento en 2 anos.
Uso das TIC por parte dos empregados/as
Dentro do colectivo de microempresas de 3 a 9 empregados, o 91,8% dispón de cordenador e o 86,6% de conexión a Internet, o que significa máis de 25 puntos porcentuais por riba da media do total microempresas e sitúaas máis próximas a pemes e grandes empresas.
A fenda sectorial de dispoñibilidade de Internet diminúe este ano de 78 a 54 puntos porcentuais. Cun mínimo do 35% de microempresas con Internet en transportes e almacenamento e un máximo do 92,2% nas actividades profesionais. Séguenlle hoteis e axencias de viaxe, sector financeiro, informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais, con taxas superiores ao 82%.
En termos xerais, as diferenzas de dispoñibilidade de ordenador, Internet e rede de área local (LAN) segundo sector de actividade están entre os 50 e 60 puntos porcentuais.
A rede de área local (LAN) é utilizada polo 22,9% das microempresas, case tres puntos máis que o ano anterior. No caso da LAN inalámbrica a porcentaxe supón a metade (11,5%). As redes propias baseadas en protocolo IP intranet e extranet atópanse en menos do 4% das microempresas.
Usos da Rede
O 94,3% das microempresas con Internet acceden por conexións de banda larga (fixa ou móbil). O 93,7% das empresas con Internet conéctanse mediante banda larga fixa (ADSL ou cable) e o 18,7% mediante banda larga de telefonía móbil.
O 22,7% das microempresas con Internet conéctanse utilizando a rede de telefonía móbil. O 18,7% das microempresas con Internet conéctanse por banda larga móbil e o 8,5% por outras conexións de telefonía móbil de menor velocidade.
O 75,5% das microempresas con Internet utiliza esta como plataforma de comunicación e o 69,3% para acceder a servizos bancarios e financeiros. Destacan no acceso a estes últimos servizos, o 80% ou máis das microempresas do sector financeiro, do sector de informática, telecomunicacións e audiovisuais, e do sector de actividades inmobiliarias e administrativas.
Medra a porcentaxe de microempresas con Internet e páxina web situándose en 2010 no 25%, 3 puntos porcentuais máis que o ano anterior. No caso das microempresas de 3 a 9 empregados, supera o 40%. A nivel sectorial, sobresae, case triplicando a media, hoteis e axencias de viaxe co 71,8%.
O 57,4% das microempresas de actividades profesionais interactúa coas AA.PP. por Internet. A media sitúase en catro de cada dez microempresas con acceso a Internet (39,8%).
Negocio electrónico
Con dous puntos porcentuais máis que o ano anterior, o 26,7% das microempresas con conexión a Internet usa a sinatura dixital en xaneiro de 2010. Acada o 35,8% nas microempresas de 3 a 9 empregados.
A porcentaxe de microempresas que intercambia electronicamente datos con outras empresas crece do 9% ao 15,8% en xaneiro de 2010 (pedidos, facturas, información de produtos, instrución de pago a bancos, etc.). Cun incremento de 7 puntos, é probablemente o proceso empresarial mediante TIC con maior transformación no último ano.
O 5,2% do total de microempresas comparte información mediante sistemas electrónicos sobre a cadea de subministración, utilizando principalmente páxinas web (propia ou de provedores/clientes/socios).
Un 5% das microempresas conta con algunha aplicación informática para xestionar información de clientes (ferramentas CRM, Customer Relationship Management) e un 1,2% con ferramentas informáticas ERP (Enterprise Resource Planning) para compartir información sobre compras e vendas con outras áreas funcionais da empresa.
Comercio electrónico
Medra o número de microempresas que mercan por comercio electrónico, mentres as vendas estabilízanse. En 2009 un 11,2% das microempresas realizou compras por comercio electrónico, dous puntos máis que o ano anterior. No caso de microempresas de 3 a 9 empregados, a cifra elévase ao 18,3%. Doutra banda, a taxa de microempresas que realiza vendas por comercio electrónico en 2009 practicamente non variou nun ano, situándose en 2,6% (de 2,4% en 2008).
Existe unha marcada diferenza segundo os sectores nas compras por comercio electrónico, cun máximo do 37% de microempresas que realizan adquisicións por esta vía e un mínimo de 2%. Especificamente, destacan 3 sectores con máis do 20%: actividades profesionais (23,7%), hoteis e axencias de viaxe (28,7%) e informática, telecomunicacións e audiovisuais (37,4%).
O 26% dos hoteis e axencias de viaxes de 0 a 9 empregados venden por comercio electrónico, fronte ao 2,6% do total de microempresas. No resto de sectores obsérvase unha diferenza ao redor de 2 puntos respecto da media, e unha posición levemente superior para informática, telecomunicacións e audiovisuais, do 5,8%.
O peso do comercio electrónico na facturación das microempresas que o realizan é superior que en pemes e grandes empresas. As vendas por comercio electrónico sobre a facturación do total de microempresas que as efectúan sitúase no 39,4%, fronte ao 31,6% de pemes e grandes empresas.
Tres sectores efectúan máis do 50% das súas vendas por comercio electrónico, considerando unicamente a microempresas que venden por Internet. Estes son actividades inmobiliarias e administrativas (61,2%), transporte e almacenamento (59,7%) e o sector de informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais (52,3%).
O sector de informática, telecomunicacións e audiovisuais case duplica a media do total de microempresas co 71,6% das súas compras realizadas por comercio electrónico (no total das empresas que realizaron compras por comercio electrónico). Séguelle transporte e almacenamento, cun igualmente destacado 47,3%, fronte ao 31,4% de media.
O 74,3% da facturación en vendas por comercio electrónico das microempresas prodúcese con outras empresas (B2B), o 24,4% a consumidores finais (B2C) e o 1,3% á Administración Pública (B2G). Con todo, en tres sectores a distribución das vendas electrónicas inclínase máis cara ao consumidor final: venda e reparación de vehículos e comercio polo miúdo facturan o 70,1% e o 64,1% respectivamente ao B2C, e hoteis e axencias de viaxe vende practicamente o mesmo a particulares que a empresas (49,7% de B2B fronte a 49,3% de B2C).
Seguridade
O 12,4% das microempresas con ordenador tivo problemas de funcionamento dos servizos TIC, destrución ou alteración da información, debidos a fallos do software ou do hardware. Especificamente, un 8,2% das microempresas sufriu a destrución ou alteración da información debido a un virus informático ou a accesos non autorizados, e un 5% tivo problemas de funcionamento dos sistemas TIC debido a ataques externos. Por último, menos dun 1% das microempresas viu revelada información confidencial debido a ataques de intrusión, pharming ou phishing, ou polos propios empregados da empresa, xa sexa intencionadamente ou non.
A definición formal dunha política de seguridade TIC, que leve un plano de revisión regular, é levada a cabo por un 12,7% das microempresas con ordenador, con valores máximos nas entidades do sector financeiro, do 31,5%, e de informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais, do 29,8%.