O informe indica que tamén aumentou o número de transaccións, que alcanzaron os 32,6 millóns de operacións no trimestre, un 34,7% máis que en 2010. Ademais, por primeira vez, os ingresos xerados polas compras de residentes en España en tendas españolas superan ao que os cidadáns españois gastan en tendas en liña estranxeiras.
O volume de negocio das compras en liña dentro do Estado español foi de 1.053 millóns de euros. Esta cifra superou, por primeira vez, á facturación das compras que os cidadáns españois fixeron a tendas en liña estranxeiras, que foi de 1.019,9 millóns de euros.
A facturación das compras desde o exterior a tendas españolas foi de 348,9 millóns de euros, un 14,4% do total, e aumentou nun 49,7% respecto de 2010. Pola súa banda, a facturación de compras dentro de España e desde España cara ao exterior tivo un crecemento interanual do 27% e do 21,5% respectivamente.
A balanza comercial segue a ser negativa (348,93 millóns de ingresos de compras externas fronte aos 1.019,86 millóns gastados en comercios estranxeiros). Se temos en conta o número de compras realizadas, o número de transaccións, as proporcións tamén son favorables ao segmento exterior. Máis da metade das compras que fixeron os cidadáns españois o 50,8%, foron en tendas estranxeiras, semellante ao dato do trimestre anterior e de 2010. Dentro de España realizáronse o 39,5% das transaccións e do exterior a España o 9,7%.
O sector turístico levou o 36,6% da facturación. Por exemplo, as axencias de viaxes e o transporte aéreo ostentaron a primeira e segunda posición cun 16,8% e un 13,4% respectivamente do total. A terceira posición foi para a mercadotecnia directa, que supuxo o 6,5% da facturación. Por número de compras, a rama de electrodomésticos, radio, televisión e son liderou as transaccións.
Non obstante, a CMT indica que o turismo español perdeu peso no comercio electrónico en relación ao conxunto. Nas compras que os estranxeiros fixeron en tendas do Estado español, o sector turístico pasou de representar o 71,7% da facturación total do terceiro trimestre de 2010 ao 59,3% no mesmo de 2011. De xeito parecido, nas compras dentro de España diminuíu a súa cota do 71,7% ao 44,9%.
Como nos anteriores trimestres, os cidadáns do resto de Europa foron, con diferenza, os principais clientes das tendas en liña españolas. Así mesmo os cidadáns que mercaron fóra tamén o fixeron en tendas europeas, principalmente.
A Unión Europea foi o destino do 89,7% das compras en comercios estranxeiros, seguida dos Estados Unidos, cun 4,8%. Nas compras realizadas desde o estranxeiro a comercios do Estado español, a Unión Europea xerou o 78,3% da facturación. A segunda posición ocupárona os países de América Latina, cun 6,4%.
Para confeccionar este informe contabilizáronse as compras en liña realizadas mediante cartón de crédito. Así, un pago por transferencia bancaria ou por medios como PayPal, sen cartón de crédito, non quedan reflectidos nos datos aquí expostos.
‘Informe sobre o comercio electrónico a través de entidades de medios de pago’ (CMT, terceiro trimestre de 2011).