A Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, presidiu hoxe unha nova sesión ordinaria do Pleno do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Neste Pleno presentouse a memoria anual do OSIMGA, tralo seu primeiro ano de funcionamento, avaliouse o estado da Sociedade da Información en Galicia e aprobouse o Plan de Traballo do Observatorio para o ano 2011. O OSIMGA está adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e as súas actuacións enmárcanse nas iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal.
O Pleno do Observatorio está integrado por representantes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e das Consellerías de Economía e Industria, Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Facenda e do Instituto Galego de Estatística, xunto cun titular con competencias no ámbito da Sociedade da Información pertencente á Administración do Estado, un representante das universidades públicas galegas e unha persoa designada pola Federación Galega de Municipios e Provincias. Ademais, o OSIMGA conta coa participación de dúas personalidades de recoñecido prestixio en materia da Sociedade da Información e de modernización administrativa.
Nesta reunión, o OSIMGA ábrese tamén á participación de organizacións empresariais e sindicais. De conformidade cos Acordos asinados na Mesa Xeral (30 de xullo de 2010) de Diálogo Social en Galicia, en materia de modernización e innovación tecnolóxica sobre a “inclusión de organizacións empresariais e sindicais na estrutura organizativa do OSIMGA, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica convidou ás organizacións asinantes dos mencionados Acordos a participar nesta sesión ordinaria.
Primeira Memoria Anual do OSIMGA
O Pleno presentou un balance das actuacións desenvolvidas polo Observatorio, desde a data da súa creación, 4 de febreiro de 2010, ata finais do ano 2010. O principal obxectivo desta memoria anual é avaliar os resultados de todas as actividades realizadas e os servizos postos en marcha por parte do OSIMGA durante ese período. O informe ofrece distintos indicadores de seguimento, presentando dun xeito sistemático o estado de execución de todas as observacións e actividades planificadas.
Nesta Memoria Anual cabe salientar os máis de 100 indicadores monitorizados, 6 informes realizados, 7 enquisas e estudos postos en marcha, ou máis de 60 consultas, análises e peticións de información atendidas.
De acordo co Plan de traballo anual 2010, o OSIMGA puxo en marcha as Enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia relativas á evolución do equipamento e uso das TIC nos seguintes ámbitos de observación: Poboación, Empresas de Galicia con 10 e máis empregados/as, Empresas galegas de menos de 10 empregados/as e Empresas TIC de Galicia. Ademais, realizouse a integración dos indicadores sobre o software libre nun módulo complementario ás enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia no ámbito empresarial, coa conseguinte redución dos importes globais de licitación. Estas enquisas inclúen tamén indicadores de banda larga, que contribúen a realizar a avaliación do Plan Director de Banda Larga.
Conforme á planificación prevista, en 2010 realizouse a “Enquisa sobre a eAdministración nos Concellos de Galicia”, en estreita colaboración coa Oficina Técnica eConcellos. En outubro de 2010 publicáronse os últimos datos e informes relativos á eAdministración na Xunta de Galicia.
En maio de 2010 presentouse o estudo: “A Situación Laboral das Enxeñarías en Informática de Galicia”, realizado baixo a coordinación do OSIMGA. O Informe “Situación actual da sinatura electrónica e das entidades de certificación”, realizado en 2010, tamén conta coas aportacións do Observatorio e forma parte da colección de observacións temáticas do OSIMGA que se realizan en colaboración cos principais axentes da Sociedade da Información.
Antes de rematar o ano 2010 o OSIMGA abordou a primeira fase do “Estudo sobre O Uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade”, consistente no deseño da metodoloxía deste estudo centrado na actividade dun panel de expertos como instrumento de observación e na recollida previa de datos.
Entre os labores realizados polo Observatorio durante o ano 2010 tamén cabe salientar a realización de varios proxectos e actividades no marco do Plan Galego de Estatística 2007-2011, entre os que destaca o Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia.
Durante o ano 2010 o OSIMGA puxo en marcha un completo dispositivo de xestión, información e vixilancia especializada, destacando a súa web e as canles 2.0 como principais instrumentos de difusión. A memoria anual recolle os principais indicadores do seu portal web, que entre marzo e decembro de 2010, recibiu máis de 20.800 visitas, publicou máis de 140 análises de elaboración propia e reportou máis de 1.000 titulares externos, enviou 40 boletíns informativos a máis de 1.700 subscritores en liña.
Cumprindo co acordo adoptado no primeiro Pleno para impulsar a súa presenza nas redes sociais, o OSIMGA puxo ao dispor da cidadanía 5 canles de comunicación nas redes sociais (Delicious, Issuu, Facebook, Netvibes e Twitter). Ademais, o OSIMGA levou a cabo en 2010 a migración e integración dos contidos e estudos existentes nos anteriores observatorios, presentando unha panorámica, ordenada de xeito cronóloxico e temático, da evolución da Sociedade da Información e a Administración electrónica en Galicia nos últimos 10 anos.
O OSIMGA publicou no mes de setembro un Catálogo de Servizos que presenta de forma resumida os servizos que presta o OSIMGA, os compromisos de calidade asumidos na súa prestación e os dereitos da cidadanía en relación cos mesmos.
Por último, esta memoria inclúe o importante capítulo das colaboracións que estableceu o OSIMGA desde a súa constitución con numerosos observatorios, organismos e entidades para promover o intercambio de experiencias e información. Cabe salientar neste capítulo a colaboración co grupo de traballo “Observatorio de la Administración Electrónica de las Comunidades Autónomas”, dependente do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública, as colaboracións coa Fundación Telefónica e co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), así como as sinerxias de traballo emprendidas co Instituto Galego de Estatística, Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a Unidade de Muller e Ciencia, Eixo Atlántico...
O Pleno avaliou o Estado da Sociedade da Información en Galicia
No transcurso da xuntanza de hoxe o OSIMGA avaliou un informe de situación sobre o Estado da Sociedade da Información en Galicia, elaborado a fin de proporcionar os elementos de análise para este Pleno, que reúne os últimos datos dispoñibles sobre a situación actual da materia en Galicia nos seguintes ámbitos de observación: cidadanía, empresas, sector empresarial TIC, eGoberno, e infraestruturas de telecomunicacións. Non obstante, serán as observacións planificadas e postas en marcha actualmente polo OSIMGA nos diferentes ámbitos de observación (poboación xeral, empresas, sector TIC, Xunta, Concellos...) as que permitirán obter unha información máis detallada e datos actualizados para a elaboración de diagnósticos específicos e para a actualización do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia. Estas novas enquisas complementarán os datos facilitados polo IGE e as enquisas realizadas polo INE que hoxe se presentan neste informe.
A análise parte dos elementos máis relevantes do contexto socio-económico galego e das dinámicas estruturais que afectan a Galicia para resaltar a importancia do perfil demográfico e económico que presenta Galicia como principal factor condicionante da fenda dixital. A menor renda familiar galega respecto ao conxunto do Estado, así como a atomización empresarial da nosa economía son algúns dos factores que inflúen negativamente sobre o grao de uso dos servizos da Sociedade da Información.
O informe revela que un 46,5% dos fogares galegos ten contratada algunha conexión a Internet mediante banda larga, experimentando un crecemento do 21,4% con respecto ao ano 2009. O incremento da conexión a banda larga en Galicia foi superior ao crecemento experimentado pola media estatal (11,9%) e europea (8,9%). Cabe salientar que os nenos/as galegos de 10 a 15 anos toman vantaxe sobre os do resto do Estado no uso de ordenador e telefonía móbil e que os internautas de Galicia superan aos do conxunto do Estado nos usos avanzados da Rede. Proba disto é que a banca electrónica experimentou un crecemento interanual do 15% en Galicia.
O OSIMGA revela que a fenda dixital de xénero en Galicia é inferior á estatal e á europea. A diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres en Galicia diminuíu en 3 puntos respecto ao ano 2009.
O Observatorio tamén ofrece información estratéxica sobre a situación actual do tecido empresarial galego desde a perspectiva do equipamento e utilización das TIC, implantación de ferramentas informática de xestión, comercio electrónico,...
Cabe salientar que as empresas galegas de 10 e máis empregados/as superan á media europea nos indicadores relativos a dispoñibilidade de ordenador, conexión a Internet, banda larga e LAN.
Un 22,8% das empresas galegas de 10 e máis empregados/as que realizan intercambio automatizado de datos envían facturas electrónicas, experimentando un crecemento interanual do 18,8% pero aínda a 2,3 puntos da media estatal. No apartado de formación cabe subliñar que un 18,5% das empresas galegas afirman ter proporcionado actividades formativas sobre as TIC, experimentando un crecemento interanual do 51,6%. A porcentaxe de persoal destas empresas que recibiu formación en TIC acadou o 30,8%, superando en 2,2 puntos á media estatal.
O 23,6% das empresas galegas de 10 e máis empregados/as realizaron compras a través de Internet no último ano,, situándose en valores próximos á media de España (24,1%). No período 2009 – 2010, a porcentaxe de empresas galegas de 10 e máis empregados/as que realizaron compras a través de Internet medrou un 43,9%. O 9,9% das empresas galegas de 10 e máis empregados/as realizaron vendas a través de Internet, fronte ao 13,1% que rexistra o conxunto do Estado.
O informe resalta que apenas un 47,3% das microempresas galegas dispón de conexión a Internet, 10,8 puntos porcentuais menos que a media estatal.
Na súa análise específica do sector empresarial das Tecnoloxías da Información e a Comunicación o OSIMGA resalta que o número de empresas TIC galegas no ano 2010 situábase en 1.767 empresas. O nivel de emprego neste sector situouse no ano 2010 nos 15.851 traballadores/as, o que representa o 1,57% da poboación ocupada galega.
O informe aborda os principais indicadores relativos ao eGoberno, analizando a interacción da cidadanía e as empresas coas Administracións Públicas e o grao de modernización da administración da Xunta de Galicia en ámbitos como a sanidade, o ensino ou a xustiza. O informe destaca o feito de que Galicia presenta unha posición destacada no uso da Administración electrónica por parte da cidadanía. Ademais, o 68,1% das empresas galegas de 10 e máis empregados/as con conexión a Internet interactúa a través de Internet coas Administracións Públicas, situándose no oitavo posto no contexto autonómico.
As infraestruturas de telecomunicacións tamén son obxecto de análise neste informe, amosando os últimos avances da extensión do acceso á banda larga en Galicia nun período en que as accións do Plan Banda Larga permitiron reducir nun terzo a poboación sen acceso á banda larga en Galicia, cun incremento de case 4000 núcleos de poboación con acceso á banda larga con respecto ao ano 2009 e cun importante incremento de centros de saúde e de centros educativos con posibilidade de acceso ao servizo de banda larga con respecto ao ano 2009.
Finalmente, o informe resalta como fortalezas os bos niveis de equipamento e uso TIC no hábitat urbano, o maior uso das TIC entre as persoas de 10 a 34 anos e o importante uso da eAdministración por parte da poboación. As debilidades e ameazas están centradas nos condicionantes xeográficos e socioeconómicos apuntados con anterioridade, mentres que as principais oportunidades están na capacitación dos colectivos en risco de exclusión, do impulso da Administración electrónica, xunto coa mellora das infraestruturas de telecomunicacións.
Plan de Traballo do OSIMGA para o ano 2011
No Pleno de hoxe o OSIMGA aprobou o seu Plan de traballo para o ano 2011. Esta programación anual de actividades comprende os traballos de deseño das enquisas e observacións, a recollida de información e a difusión dos resultados, así como aquelas tarefas que definen ao OSIMGA como sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecementos sobre a Sociedade da Información e Galicia.
Segundo este documento, durante o primeiro semestre deste ano o OSIMGA presentará os resultados das enquisas e informes realizados no ano 2010, as análises comparativas e as principais conclusións extraídas destes estudos. Ademais, no ano 2011 abordarase unha nova edición das enquisas sobre a Sociedade da información en Galicia nos diferentes ámbitos de observación e desenvolveranse novas vagas das estatísticas sobre a administración electrónica na Xunta de Galicia e nos concellos de Galicia.
Entre as observacións temáticas planificadas para o ano 2011 cabe salientar unha nova edición dos Informes sobre a situación do software libre nas entidades galegas e os Estudos sobre a evolución dos indicadores de banda larga na poboación e nas empresas de Galicia. Ademais está previsto desenvolver a segunda fase do “Estudo sobre O Uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade, reunindo o Panel de expertos e elaborando un informe final e unha guía descritiva dos casos de éxito máis significativos existentes en Galicia.
Entre os proxectos e actividades a realizar no marco do Plan Galego de Estatística 2007-2011, cabe salientar que o OSIMGA actualizará en 2011 o Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, que ofrece unha perspectiva da evolución da Sociedade da Información en Galicia nos catro últimos anos.
Durante o ano 2011, a web do OSIMGA acometerá unha serie de melloras estruturais co obxectivo de optimizar a navegabilidade e accesibilidade de todos os seus contidos, ofrecendo ademais unha imaxe renovada. Ademais, para dar continuidade ás accións de impulso do OSIMGA nas redes sociais, durante o ano 2011 potenciarase a comunicación cos principais medios sociais do ámbito TIC e, en particular, cos axentes galegos da Sociedade da Información.
O OSIMGA dará continuidade á colaboración establecida con distintos observatorios, organismos ou entidades, impulsando ademais a organización de eventos formativos, reunións de expertos ou grupos de traballo. Un ano máis, o Observatorio estará presente en distintos foros especializados achegando a súa visión experta sobre a situación da Sociedade da Información en Galicia e sobre as metodoloxías e o alcance das actividades de observación.
As actividades do OSIMGA enmárcanse nas tarefas de xestión encomendadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.