O volume de negocio do comercio electrónico medrou un 17,4% en 2010

Logo osimga
Data
19/10/2011

A cifra estimada do volume total do sector é de 9.114 millóns de euros, o que supón un importante incremento respecto de 2009 do 17,4%. A variable principal que explica a evolución deste sector no ano 2010 é o incremento en gasto medio por comprador, que pasou de 749 euros en 2009 a 831 euros en 2010, un incremento do 10,9%.
O comportamento de compra en liña segue a presentar ano tras ano síntomas de maior madureza. Esta evolución obsérvase a través dos seguintes indicadores:

  • Maior antigüidade na experiencia de compra on-line.
  • Incremento da porcentaxe de compradores regulares.
  • Consolidación das canles de venda exclusivamente on-line.
  • Crecemento de novas canles de compra como as poxas on-line.
  • Incremento de accesos directos á canle de compra.
  • Maior incidencia de formas de pagamento ad hoc como o sistema Pay-Pal.

 
Os sectores que seguen a liderar o negocio on-line son os relacionados co turismo e o lecer (billetes de transporte, reservas de aloxamento e entradas a espectáculos), igual que se observou no exercicio 2009.
En 2010 prodúcese un forte incremento de sectores até o d’agora minoritarios como o da roupa e complementos ou alimentación e bazar, ambos os dous obteñen un importante incremento en porcentaxe de compradores con respecto a 2009, alcanzando o 27,7% (+9,9 p.p.) e o 16,3% (+6,3 p.p.) respectivamente.
A satisfacción coa oferta de comercio electrónico é positiva e aumenta conforme os produtos e servizos ofrecidos son mellor coñecidos, aínda que segundo o ONTSI o consumidor é cada vez máis esixente e utiliza as novas canles de reclamación e ten cada vez máis en conta os selos de calidade.
A preferencia e necesidade de ter contacto físico co produto mercado mantense como freo principal ao comercio electrónico. Os problemas relacionados coa seguridade percibida da canle seguen a ser unha barreira a superar aínda que perderon peso neste ano.
'Estudio sobre comercio electrónico B2C 2011'.
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades