ONTSI actualiza os indicadores da administración electrónica en Galicia

ONTSI actualiza os indicadores da administración electrónica en Galicia
Data
21/02/2014

ONTSI publica un dossier de indicadores de seguimento da Sociedade da Información por Comunidades Autónomas, que recolle a serie histórica do INE nos últimos cinco anos.
O informe permite analizar a evolución no uso da administración electrónica nas empresas galegas e na cidadanía dende o ano 2009, incluíndo os datos máis relevantes ata xaneiro de 2014.
EMPRESAS
As empresas galegas utilizan dun xeito máis habitual a administración electrónica que o conxunto da cidadanía. A descarga de formularios oficiais por parte das empresas incrementou 10 puntos porcentuais dende o ano 2009, acadando o 71,4% das empresas con conexión a Internet no 2013.
O envío de formularios cumprimentados incrementou 13,1 puntos porcentuais dende o 2009, pasando do 48,2% ao 61,3% de 2013, pero rexistra un pequeno descenso neste último ano en relación aos dous anteriores.
Un 75% das empresas galegas con conexión a Internet obtivo información das páxinas web das administracións públicas no ano 2013, o que supón 13,7 puntos máis que no 2009, pero unha décima menos que no 2012.    
 
Gráfica 1: Empresas galegas que utilizan Internet para tratar cos poderes públicos, desglosado por motivo (% sobre as empresas que teñen acceso a Internet). Fonte: ONTSI – INE.

CIDADANÍA
Máis do 60% dos particulares que utilizaron Internet no último ano para interactuar coas administracións públicas fixérono para obter información das súas páxinas web. No 2013 esta porcentaxe acadou o 61,4% dos particulares, pero rexistra un descenso de 2,3 puntos dende o ano 2009 e de 5 puntos dende o 2012.
Pola contra, incrementou 4,7 puntos porcentuais a descarga de formularios oficiais por parte dos usuarios galegos en relación ao 2009, acadando o 43,1% dos particulares con conexión a Internet no 2013, pero rexistra un descenso de 2 puntos porcentuais en relación ao 2012.
O envío de formularios cumprimentados rexistrou un incremento de máis de 10 puntos porcentuais dende o ano 2009. Un de cada tres usuarios galegos, o 33,6%, enviou formularios cumprimentados durante o ano 2013.

 Gráfica 2: Particulares que utilizan Internet para tratar cos poderes públicos, desglosado por motivo (% sobre a poboación que utilizou Internet no último ano). Fonte: ONTSI – INE.
 
Poden consultarse todos os indicadores facilitados polo ONTSI na seguinte ligazón:
http://www.ontsi.red.es/ontsi/sites/default/files/dossier_ccaa_enero_2014m.pdf
 
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades