Os datos de emprego do sector TIC de Galicia mostran que persiste a fenda de xénero

Logo osimga
Data
26/05/2011

A nivel mundial, a Conferencia das Nacións Unidas sobre a Muller celebrada en Pequín en 1995, resaltou a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero nas iniciativas de inclusión na Sociedade da Información, co obxectivo de equilibrar a relación entre ambos os dous sexos e fomentar o progreso social. Con todo, hoxe, as mulleres seguen a ser unha minoría entre os estudantes e os profesionais das TIC.
Segundo os datos proporcionados pola "Enquisa sobre Equipamiento e Uso de Tecnoloxías da Información e Comunicación nos fogares", do Instituto Nacional de Estatística (INE), no ano 2010, en Galicia o 55,7% dos homes fixeron uso da Rede fronte ao 51,5% das mulleres, é dicir unha diferenza de 4,2 puntos porcentuais. Non obstante, no período 2009 – 2010 a diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres reduciuse en 3 puntos. No contexto estatal, a diferenza no uso de Rede entre homes e mulleres é maior que en Galicia: 5,7 puntos e na Unión Europea (UE27) a fenda de xénero na utilización de Internet chega aos 6 puntos.
Os datos tamén mostran que as mulleres non se están incorporando aos usos da Rede da mesma maneira: conéctanse menos frecuentemente que os homes e optan por usos relacionados co emprego, a saúde ou a formación mentres que os homes tenden a facer un uso de Internet máis relacionado co lecer, o consumo e fins lúdicos.
A idade é tamén un factor a ter en conta cando falamos da fenda dixital. A maior igualdade que se está a constatar no uso das tecnoloxías das novas xeracións permitirá que se produza un cambio na perspectiva dos chamados “nativos dixitais”.
As mulleres están a avanzar na Sociedade da Información como usuarias das TIC, mais non avanzan significativamente no plano do emprego, os estudos e as profesións relacionadas coas TIC. A presenza da muller é decrecente a medida que se sube nos chanzos profesionais e os homes seguen dominando os ámbitos estratéxicos e o emprego relacionado coa innovación tecnolóxica e as novas tecnoloxías.
As cifras de homes e mulleres titulados en Enxeñaría en Informática ou Telecomunicacións nas Universidades Galegas no curso 2008-2009 (Fonte: Instituto Galego de Estatística e INE) confirman a hipótese da súa baixa representación, dado que as mulleres representan só o 32,5% do total de titulados nestes estudos mentres que representan un 62,1% no conxunto de persoas tituladas do Sistema Universitario Galego.
No acceso ao mundo laboral, confírmase esta desigualdade: O nivel de emprego no sector TIC en Galicia situouse no ano 2010 nos 15.851 traballadores/as, o que representa o 1,57% da poboación ocupada galega. De novo, os datos de emprego do sector TIC mostran que persiste a fenda de xénero. Segundo a cifra de afiliados/as á Seguridade Social a 31 de decembro de 2010, un 61,6% dos traballadores do sector TIC eran homes fronte ao 38,4% que eran mulleres.
Pese a esta realidade, constátase que o incremento da presenza de mulleres nos ámbitos da investigación e nas empresas do sector TIC redunda en beneficio do propio tecido empresarial e do conxunto da sociedade pola súa contribución de talento e polo aporte de diferentes sensibilidades, enriquecendo, en definitiva, o capital humano das empresas.
Outro aspecto importante que se vén observando hai moito tempo é que nas profesións relacionadas coa informática e as telecomunicacións hai unha concentración distinta do emprego entre homes e mulleres. Mentres estas realizan funcións administrativas, o perfil masculino concéntrase en tarefas técnicas.
Mesmo naqueles sectores nos que as mulleres son maioritarias, as mulleres teñen moitas dificultades para un desenvolvemento adecuado de carreira profesional e son elixidas poucas veces para postos de responsabilidade.
Un informe sobre políticas familiares publicado pola OCDE advirte de que o Estado español necesita favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e afirma que "Unha división máis equitativa do traballo non remunerado no interior dos fogares en España podería contribuír a unha maior participación de pais e nais para cumprir as súas aspiracións laborais"
 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades